O inmobiliario busca fórmulas máxicas para sobrevivir

Construtoras e inmobiliarias piden ás Administracións galega e estatal que tomen medidas encamiñadas a dinamizar un sector que consideran chave para a creación de emprego. Entre esas medidas, figura a rebaixa do IVE para a compra de primeiras vivendas ou a recuperación de certas exencións no imposto da Renda.
Vivendas en construción (Foto: Arxina).
photo_camera Vivendas en construción (Arxina).

O confinamento provocado polo estado de alarma fixo que moitas familias galegas cavilaran na posibilidade de cambiar de casa. O problema é que, pese a que os traballos volveron ao sector da construción, no inmobiliario a cousa segue parada. Con todo, as inmobiliarias traballan xa cunha axenda de visitas para cando remate o confinamento, aínda que desde o sector temen que o parón dure varios meses pola delicada situación na que van quedar moitas galegas como consecuencia da crise. 

A actividade no sector baixou 80% e as visitas online só cobren 5%. O resto corresponde a clientas particulares que actúan pola súa conta. Pero desde o Observatorio Español do Seguro de Alugueiro (OESA) xa piden ao Goberno estatal un calendario para arrancar as visitas a vivendas, sempre de acordo  ás normas de seguridade estabelecidas. 

Mais as peticións do sector non quedan aí. As promotoras reclaman tamén unha baixada de 4% do Imposto do Valor Engadido (IVE) para a compra de primeira vivenda, así como a recuperación das deducións para este tipo de operacións no Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) tanto para compradoras como para arrendatarias de pisos de alugueiro, suprimidas en 2012 e 2013, respectivamente.

Na súa lista de peticións, a patronal pide "estimular" a compra de pisos coa articulación de avais e liñas de crédito nos préstamos para primeira vivenda. Estas medidas poderían formar parte dun novo plan estatal de vivenda no que se incluiría tamén a mobilización de solo público para a construción de vivendas e unha actualización do prezo para a compra ou alugueiro de pisos de protección oficial.

Liga de construtoras

Na Galiza, a Federación Galega da Construción (FGC) creou coa Confederación Asturiana da Construción (Asprocon) e a Cámara de Contratistas de Castela e León (CCCyL) o denominado Grupo de Construción do Noroeste, que vén de lanzar a iniciativa ReConstruyamos, con propostas nos eidos económico e social para facer fronte aos efectos da COVID-19.

Nestes tres territorios, a construción dá traballo a 170.000 persoas e conta cunhas 20.000 empresas. Como explican desde o grupo, "a construción pode converterse, a diferenza do que aconteceu en 2008, nun posíbel receptor de traballadoras procedentes doutros sectores que, seguramente, terán máis complicada a súa recuperación".

Pero para que o traballo non falte consideran "imprescindíbel" que após esta etapa de paralización a Administración reactive a contratación de obra pública mediante procedementos ad hoc, que permitan acurtar os tempos. Tamén, no ámbito privado, cren que é o momento de eliminar trabas burocráticas que provocan "unha dilación innecesaria e infrutuosa da actividade" na espera de informes, permisos, licenzas e autorizacións.

Por último, Grupo de Construcción do Noroeste considera fundamental recuperar os fondos de formación para a Galiza e o resto de territorios. "Non contar con estes fondos suporía privar o noso tecido produtivo da posibilidade de saír da situación actual nas mellores condicións posíbeis posto que é necesario o desenvolvemento dunha política de empreho que xere a oportunidade de incorporación de traballadoras formadas ás nosas empresas", apuntan.

No capítulo económico, desde o grupo advirten da delicada situación de liquidez das empresas do sector, que non prevén que vaia mellorar cando se levante o estado de alarma, polo que aposta na utilización do superávit e o remanente de tesourería dos entes locais.

Seguros nos alugueiros

A falta de liquidez non é un problema só das empresas, senón tamén das propietarias e inquilinas das vivendas. De feito, o Observatorio Español do Seguro do Alugueiro (OESA) anticipa un aumento dos seguros ante a falta de pagamentos, que xa cobren 10% do total de vivendas arrendadas no Estado español. 

Segundo as súas previsións, o número de pólizas desta natureza, que permiten ás propietarias cobrar os alugueiros no caso de que as persoas arrendatarias non poidan pagar, chegará a 40% como consecuencia da COVID-19. A medida, apuntan, afectará tanto a novos contratos como aos contratos de vivendas xa arrendadas e ás prórrogas.

As aseguradoras consideran que este tipo de pólizas poden ser "a táboa de salvación do sector inmobiliario", xa que incentivan a posta no mercado de vivendas, sobre todo nos casos das grandes propietarias, nun momento en que a estabilidade financeira das familias, e por tanto a garantía de pago, non está asegurada doutro xeito.

Comentarios