O Ingreso Mínimo Vital dá un paso adiante sen votos en contra

Aprobado no Congreso español
O Congreso, onte, no debate sobre a prórroga da alarma (Imaxe: Pool)
photo_camera (Pool)

O pleno do Congreso dos Deputados aprobou por ampla maioría a validación do decreto que regulamenta o Ingreso Mínimo, sumando o apoio do Partido Popular, que até a última hora se debateu entre o voto favorábel e a abstención.

A decisión adoptouse após un intenso debate interno entre unha parte da formación, defensora da abstención, e outro favorábel ao voto afirmativo. Segundo estes últimos, "queremos que se tramite como proxecto de lei e así poder definir o seu modelo, que está baseado nun sistema que levamos xestionando dúas décadas nas nosas comunidades".

A iniciativa foi defendida polo ministro da Seguridade Social, José Luis Escrivá e o vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, co obxectivo de visualizar o apoio a iniciativa das dúas pólas do Executivo de coalición entre o PSOE e Podemos. Así, Escrivá sinalou que "poñemos en marcha un novo dereito de cidadanía. O Ingreso Mínimo Vital impulsa o contrato social para combater a desigualdade, a pobreza estrutural e protexer as persoas en exclusión".

Iglesias afirmou que "hoxe defendemos unha iniciativa que axudará a encher a neveira de millóns de compatriotas e que é chave para unha reconstrución económica xusta e eficaz. Até o Fondo Monetario Internacional aplaude a medida".

O portavoz do BNG, Néstor Rego, apostou pola "necesidade de garantir ingresos mínimos a toda a poboación que lle permita vivir con dignidade", defendeu que "o horizonte ideal sería que ese salario de inserción se equiparase co Salario Mínimo Profesional e este, a súa vez, de xeito progresivo co salario medio" e solicitou a súa xestión polo Goberno galego "tal e como acontece con Euskadi e Nafarroa".

O ingreso mínimo vital poderase solicitar a partir do 15 de xuño, aínda que, para as solicitudes presentadas nos tres primeiros meses, concederase con efectos retroactivos ao día 1. Ademais, durante o primeiro mes de vixencia da prestación, actuarase de oficio para que se abone a uns 100.000 fogares que cumpren os requisitos, sen que sexa necesario que a soliciten. 

A prestación pretende chegar a 850.000 fogares, un 16% deles monoparentais (nun 90% encabezados por unha muller), nos que viven 2,3 millóns de persoas, un 30% delas menores, tal e como explicaron no seu día os ministros responsábeis da medida, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, e o vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias.

Comentarios