A inflación subxacente segue en aumento e escala até 6,3%: que é e por que debe preocuparte?

Mes a mes, o IPC subxacente, máis preciso coa realidade económica, continúa a achegarse ao indicador xeral e escala até 6,3% en novembro.
O IPC subxacente segue a achegarse ao indicador xeral. (Fonte: INE / Infografía: Nós Diario)
photo_camera O IPC subxacente segue a achegarse ao indicador xeral. (Fonte: INE / Infografía: Nós Diario)

O incremento do custo da vida é hoxe unha das principais preocupacións da cidadanía galega. A inflación estatal tomando como referencia o índice de prezos de consumo (IPC) xeral, desbocada neste 2022 con cotas históricas rexistradas durante os meses do verán, comezou a remitir en setembro e, segundo a información que avanza esta terza feira o INE —e que consolidará a mediados do próximo mes—, en novembro cae até 6,8%, o valor máis baixo desde xaneiro pasado na comparativa interanual.

O dato do presente mes é inferior en catro puntos ao pico alcanzado en xullo, de 10,8%, o nivel máis alto dos últimos 38 anos. Este retroceso, sostén o INE, débese esencialmente á caída dos prezos dos carburantes e a electricidade. Tamén, en menor medida, é consecuencia do descenso do custo da vestimenta e o calzado, que subiu máis en novembro de 2021 do que o fai no mesmo mes deste ano. Aliás, o IPC xeral experimenta unha variación mensual de -0,1% en relación a outubro.

Porén, no sentido oposto evoluciona a curva da inflación subxacente, un indicador considerado máis preciso polas persoas expertas por excluír os alimentos sen elaborar e os produtos enerxéticos e carburantes, considerados máis volátiles ao depender con máis forza de diversos factores vencellados á economía internacional, como está a acontecer coa guerra en Ucraína e o desmedido avance do prezo da enerxía.

En novembro o IPC subxacente no conxunto do Estado español medra unha décima a respecto de outubro na comparativa interanual até situarse en 6,3%, o que se traduce en cinco décimas menos que o xeral. A distancia entre ambos os indicadores é cada vez máis cativa, pois en xullo pasado, cando o IPC alcanzara o histórico pico de 10,8%, o subxacente ficara 4,7 puntos por baixo.

O elevado rexistro da inflación subxacente deste novembro manifesta que o incremento xeral dos prezos xa está a facerse notar dado que os produtores non poden conter máis o seu avance ao afrontaren cada vez un custo maior das materias primas. E é que a suba dos prezos non se repercute de inmediato en todos os sectores, senón de forma paulatina. Velaquí a relevancia do IPC subxacente.

Este 6,3% é un dato inédito nas últimas tres décadas no conxunto do Estado español. De feito, no século XXI non se sobrepasara o limiar de 4% neste indicador até o presente ano —en abril, 4,4%—. O pasado xaneiro a taxa era de 2,4%, en valores de 2012.

As persoas expertas poñen o foco no risco de que se "incruste" na nosa economía a inflación subxacente, que segue a subir mentres a xeral non só tocou teito en xullo pasado, senón que segue a descender en termos de variación interanual.

A subxacente remitirá tamén, pero o descenso será significativamente máis lento, dado que os produtores e fabricantes precisarán antes de baixar de novo os prezos percibir síntomas de mellora dunha delicada situación provocada, precisamente, por esa repunta de materias primas como a enerxía que encareceu a fabricación meses atrás e que agora perciben con máis evidencia as persoas consumidoras.

Comentarios