Vivir na Galiza sae caro: o IPC segue un punto por riba da media estatal

A nivel estatal, o IPC xeral caeu en outubro a 6,8%, mentres na Galiza ficou en 7,8%.
En agosto seguiron medrando os prezos dos alimentos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os alimentos e as bebidas non alcólicas fican á cabeza da suba da inflación. (Foto: Europa Press)

O índice de prezos de consumo (IPC) na Galiza moderou o seu crecemento no mes de outubro até situarse en 7,8%, o que supón 1,4 puntos porcentuais menos que en setembro (9,2%) e até un punto máis que a media do Estado español.

Segundo datos adiantados publicados esta terza feira polo INE, os alimentos e as bebidas non alcólicas foron os produtos que máis aumentaron o seu prezo o mes pasado, subindo 12,4% a respecto do mesmo período de 2021. Desta maneira, no que vai de ano encarecéronse 14,8%.

Pola súa parte, as bebidas alcólicas e o tabaco custan un 5,2% máis que hai un ano e un 4,6% máis que en xaneiro. Ademais, o vestido e o calzado baixaron de prezo un 0,9% en outubro e acumulan un incremento do 1,3% este exercicio.

A vivenda mantivo o seu prezo estábel, a pesar de que acumula un incremento de 4,9% este ano, mentres que o enxoval aumentou o seu custo en 7% en outubro e até 8,3% no que vai de 2022.

As medicinas (+1,8%), o transporte (+10,2%), o lecer e a cultura (+1,7%) e os hoteis, cafés e restaurantes (+8,6%) tamén se encareceron en outubro, acumulando este ano unha suba de 2,1%, de 10%, de 2,7% e de 8,5%, respectivamente.

Con todo, as comunicacións (-1,9% en outubro e -1,9% no que vai de ano) e o ensino (-1,3% en outubro e -1,3% no que vai de ano) reduciron o seu prezo en outubro e nos dez primeiros meses de 2022.

A nivel estatal, o IPC baixou unha décima en novembro en relación ao mes anterior e recortou medio punto a súa taxa interanual, até 6,8%, a cifra máis baixa desde xaneiro, xusto antes de declararse a guerra en Ucraína, cando o IPC ficou en 6,1%, sempre segundo datos do INE.

Pola súa parte, a inflación subxacente no Estado español sobe unha décima e escala até 6,3% en termos interanuais, ficando só cinco décimas por baixo do IPC xeral. Este indicador é considerado máis preciso coa realidade económica por excluír alimentos non elaborados e produtos enerxéticos, considerados máis volátiles.

Comentarios