A inflación modérase en setembro e baixa dos dous díxitos

O IPC de setembro ficou en 9% a nivel estatal, o que representa un punto e medio menos que o dato de agosto.
O INE publicou esta sexta feira os datos avanzados do IPC. (Foto: Europa Press)
photo_camera O dato avanzado do IPC de setembro é 1,8 puntos inferior ao pico máximo rexistrado en xullo. (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) diminuíu a nivel estatal seis décimas en setembro en relación ao mes anterior e recortou de golpe a súa taxa interanual 1,5 puntos, até 9%, baixando dos dous díxitos após encadear tres meses consecutivos por riba de 10%, segundo os datos avanzados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que publicará os rexistros ratificados o 14 de outubro.

Así, a falta da confirmación definitiva, o dato de setembro é 1,8 puntos inferior ao pico alcanzado o pasado mes de xullo, cando o IPC ficou en 10,8%, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984. Na Galiza a suba foi máis acusada nese mes: 11,5%.

Con esta moderación de 1,5 puntos, a inflación suma dous meses consecutivos de descensos na súa taxa interanual logo de que en agosto baixase tres décimas, até 10,5% —11% no caso galego—.

Segundo o INE, a moderación do IPC interanual a 9% débese, principalmente, á baixada dos prezos da electricidade e, en menor medida, ao abaratamento dos carburantes e do transporte.

En termos mensuais —setembro sobre agosto—, o IPC rexistrou un descenso de seis décimas, o seu maior retroceso mensual desde xullo de 2021, cando baixou oito décimas.

A inflación subxacente, en 6,2%

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que minguou en setembro dúas décimas, até 6,2%, situándose case tres puntos por baixo do IPC xeral.

É o primeiro descenso que rexistra a inflación subxacente tras catorce meses consecutivos de ascensos, que levaron a este indicador para alcanzar o mes pasado o seu nivel máis alto desde xaneiro de 1993 (6,4%).

No noveno mes de 2022, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 9,3%, máis dun punto por baixo da rexistrada no mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCH foi de 0,0%.

Comentarios