Industria pide a Alcoa concretar o seu plan

O Ministerio de Industria ofrece Alcoa instrumentos para que o custo enerxético sexa "competitivo".
Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Joe McUbed).
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) (Foto: Joe McUbed).

O Ministerio de Industria exixe Alcoa que detalle o seu plan industrial para a planta de San Cibrao (Cervo), que debe garantir os investimentos e o emprego, "incluído o das empresas auxiliares, así como a subministración aos provedores".

O departamento que dirixe Reyes Maroto responde así á proposta de Alcoa de ceses temporais da produción na planta da Mariña a cambio de permisos retribuídos após unha reunión onte coa Xunta e sindicatos para analizar o contido da mesma.

Ao mesmo tempo, desde Industria trasladan á multinacional norteamericana do aluminio que dispón de instrumentos para que o custo enerxético sexa "competitivo" para Alcoa e poida así consolidar na Mariña "o polo de aluminio máis importante de España". En concreto, o ministerio refírese ás axudas ao CO2, as compensacións dos cargos enerxéticos e a posibilidade dos contratos bilaterais. 

"Para o Goberno, hai unha oportunidade de que a planta de San Cibrao manteña as súas capacidades industriais e sexa competitiva. Para iso, comprométese a ofrecer todos os instrumentos de política industrial e enerxética necesarios para modernizar o complexo e garantir a súa competitividade", apunta nun comunicado. 

Mesa industrial

Neste senso, o departamento ministerial comprométese a convocar a mesa industrial de Alcoa e a trasladarlle no día ─por onte─ "a disposición de todas as partes de iniciar unha negociación para garantir o futuro do complexo industrial de San Cibrao".

Para o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, a "data idónea" para esa mesa industrial sería xa esta segunda feira, 13 de decembro. "A urxencia e a necesidade desta reunión é algo absolutamente primordial", subliñou.

O comité, engadiu, realizará unha asemblea extraordinaria cando se celebre esta cita e haxa "algo que contar" ao persoal sobre "posíbeis acordos ou posíbel solución a esta vía negociada".

 Pola súa banda, a directora xeral de Planificación  Enerxética da Xunta, Paula Uría, indicou que o Executivo galego emprazou o Goberno español a "tomar a iniciativa" ao tempo que incidiu en que, para que exista unha garantía de continuidade do emprego,  é preciso "un marco enerxético estábel" e un prezo eléctrico "competitivo".

Comentarios