A industria enche os almacéns ante o coronavirus

A patronal estima que en seis semanas poderían darse casos de desabastecemento polo parón nas importacións de China e Italia.
Traballadores na planta de PSA en  Vigo (PSA Group)
photo_camera Traballadores na planta de PSA en Vigo (PSA Group)

A crise do coronavirus (COVID-19) está a castigar con forza ás cotizadas galegas, que onte viron caer as súas accións por riba do dez por cento nalgúns casos. A sicose de momento parece non afectar á industria, que segue a funcionar con certa normalidade, aínda que hai cousas que están a mudar desde hai semanas. E é que ninguén está a salvo de verse afectado por un brote infeccioso cuxos efectos económicos son aínda difíciles de cuantificar. 

O sector metalúrxico, representado na Galiza por firmas como Alcoa, Megasa ou Ferroatlántica, pero tamén polas empresas auxiliares do sector da automoción, leva tempo enchendo os seus almacéns polo "maior" aprovisionamento de pezas procedentes de países como Italia ou a China, onde o virus paraliza a actividade industrial. 

O presidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galiza (Asime), Enrique Mallón, indicou que de momento "non hai un desabastecemento real de pezas importantes que poida repercutirnos procesos de produción das fábricas". Neste senso, matizou que "non estamos nunha situación drástica". 

Con todo, recoñece que o problema pode agravarse no caso de que a situación se estenda no tempo, xa que a capacidade de almacenaxe de moitas empresas "é reducida", e tamén polo feito de que "moitas non estaban preparadas para a crise". "Aínda non hai consecuencias dramáticas, hai precaución e un aprovisionamento extraordinario, porque xa se prevé que esta crise dure algo máis do que se pensaba, e ninguén quere deixar de cumprir os seus compromisos", engadiu. Co almacenado, apuntou, poden  manter a actividade até final de mes.

"Hai empresas que están a adiantar de 3 a 6 meses a súa cadea de subministros", coa previsión de que en 6 semanas non van chegar contedores da China", engadiu Jorge Cebreiros, presidente da patronal de empresarios de Pontevedra. "As empresas terán que buscar provedores alternativos, se os hai", posto que a punta de desabastecemento prevese "en 10 días ou dúas semanas", segundo Cebreiros.

Normalidade en PSA

Na mesma liña, o director do Clúster Ibérico do Grupo PSA, Juan Antonio Muñoz Codina, asegurou que "de momento" non está a haber escaseza de compoñentes a raíz da crise do brote de coronavirus e que as fábricas están en "plenísima actividade". "Vida normal, cun pouco más de tensión e vixilancia precisa", resumiu. "Non está a faltar nada. Estamos a xestionar a situación e, evidentemente, hai un pouco máis de tensión que nunha vida normalizada, pero de momento non temos ningún impacto neste senso", remarcou.

Noutro aspecto que coinciden o secratario xeral de Asime e o director de PSA na Península Ibérica é no chamamento á calma. Mallón destacou que, de momento, no sector metalúrxico galego, do que dependen 70.000 familias, aínda non se teñen detectado casos de contaxio por coronavirus. 

Neste senso, lembrou que as empresas reforzaron as súas medidas hixiénico-sanitarias, con protocolos específicos nunha vintena delas, entre as que se atopa a propia PSA. Entre estas medidas figuran a restrición de acceso aos centros ou, no caso de transportistas que procedan de zonas de risco, o control dos subministros que transporten. Tamén é común que algunhas delas inclúan nos seus protocolos os mecanismos de teletraballo ou o incremento do uso de tecnoloxías como videoconferencias para evitar o risco de contaxios entre traballadoras.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.      

Comentarios