mércores 27.05.2020

A industria do leite gañou 816 millóns de euros pactando os prezos

O prexuízo económico para as explotacións gandeiras ascendería a 45 millóns de euros ao ano segundo apuntan desde o Sindicato Labrego. "A multa non é tanto", din, "seguirán facendo o mesmo". 

A industria do leite gañou 816 millóns de euros pactando os prezos

Após a sanción imposta pola Comisión Nacional de Mercados e Competencia (CNMC) pola que se multa con 88 millóns de euros ás empresas envasadoras que pactaron os prezos de recollida do leite durante máis dunha década (2000-2013), o Sindicato Labrego Galego (SLG) cifrou en 816 millóns de euros os beneficios obtidos por estas entidades. 

O cálculo parte do propio informe elaborado pola comisión a respeito dos beneficios ilícitos. O que suporía un prexuízo de aproximadamente 45 millóns de euros anuais  para as explotacións gandeiras, aseguran desde o SLG, pois estímase que a industria pagou 2 céntimos menos por litro durante o período en que as distintas empresas mantiveron o pacto dos prezos. 

As perdas das explotacións gandeiras ascenderían a uns 45 millóns de euros anuais após perderen 2 céntimos por litro durante 11 anos

Así as cousas, desde o Sindicato afirman que a sanción imposta pola CNMC "serve de pouco" en verbas de Javier Gómez Santiso habida conta da diferenza entre a contía da multa (88 millóns) e dos beneficios obtidos (816 millóns). "Seguirán facendo o mesmo", advertíu pois "non é tanto" o custe que lles supón. 

Neste senso desde a organización agraria demandaron accións por parte da Xunta de Galiza para evitar que este tipo de prácticas ilegais acontezan pois é "a primeira vez na historia", din, que se recoñecen os pactos da industria após denunciárense en repetidas ocasións durante "os últimos 15 anos". "Non existe goberno para o sector gandeiro", denuncian após non se convocaren os órgaos interprofesionais do leite desde, practicamente, 0 2009. Mais tampouco queren quedar aí. "Non se toca" as distribuidoras, na investigación de competencia, "unha grande pata" pola que comeza a fixación dos prezos en orixe embora ser o último elo da cadea. 

"Non nos serve que se multe a industria se os gandeiros continúan a cobrar o mesmo", denuncian. 

comentarios