xoves 01/10/20

Inditex valora a posibilidade de fabricar material sanitario

A firma téxtil, que gañou 3.639 millóns de euros o pasado ano, ofrece a súa rede loxística para traer material sanitario desde a China e mesmo estuda fabricalo nas súas instalacións
Unha persoa con máscara pasa por diante dunha tenda de Zara (Eduardo Parra / Europa Press)
Unha persoa con máscara pasa por diante dunha tenda de Zara (Eduardo Parra / Europa Press)

Inditex está a notar os efectos do coronavirus COVID-19, aínda que de momento non quere facer estimacións do impacto nas vendas..

O grupo fundado por Amancio Ortega presentou hoxe as contas do exercicio 2019-2020, no que obtivo un beneficio neto de 3.639 millóns de euros, 6% máis, pese a provisionar 287 millóns de euros polo coronavirus. O crecemento foi especialmente significativo na plataforma 'online', con 23% máis de facturación, até os 3.900 millóns de euros, o que representa 14% do total das vendas do grupo.

Na presentación dos resultados ante investidoras, o presidente de Inditex, Pablo Isla, recoñeceu que a crise do coronavirus está a ter un impacto "moi significativo" nas vendas. Aínda así, a multinacional manexa unhas taxas de crecemento a longo prazo de entre 4% e 6%. Isla sinalou que "a situación excepcional fai imposíbel facer predicións" e emprazou ás analistas ao mes de xuño para contar coas primeiras estimacións reais do impacto da crise.

Sen contestar directamente ás preguntas sobre a posibilidade dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) en Inditex, o presidente da multinacional, asegurou que preservará todos os postos de traballo. Tamén anunciou que porá a disposición do Goberno español a súa rede loxística e de provedores para incorporar material sanitario e de primeira necesidade hospitalaria. 

Material sanitario

Neste senso, a firma xa está preparada para traer desde a China o material como máscaras, guantes, gafas protectoras, gorros, calzas e protectores faciais que merque directamente o Goberno español.

Ademais, Inditex está a "explorar" a conversión de parte da súa capacidade de fabricación á produción de material sanitario. A compañía xa identificou como posíbel referencia a fabricación de batas protectoras, para o que é preciso realizar unha serie de axustes sanitarios e confirmar a dispoñibilidade de materia prima, apuntan desde a multinacional.

comentarios