Unha escolma do papel

Inditex: a sede en Galiza, os petos fóra

O xigante téxtil paga menos do que debera, grazas a unha estrutura fiscal para transferir beneficios a filiais en 'paraísos'.

O Imperio de Arteixo, o xigante galego do téxtil, a gran empresa de Galiza presente en todo o mundo... Os panexíricos habituais ao se referir a Inditex e loar a súa 'galeguidade' deberían ter en conta un dato simple:  A contribución tributaria total de Inditex en todo o mundo móvese por volta dos 4.000 millóns de euros, segundo dados da propia firma. Algo máis da metade deles corresponde a cantidades recadadas polos estados onde opera por conceptos varios (por exemplo, IVE). E uns 1.900 millóns cotízaos por impostos directos: Un 39% deles no estado español, un 35% no resto de países europeos, un 17% en América e un 9% no resto do mundo, principalmente Asia.

E canto?

extractoO conselleiro delegado de Inditex, Pablo Isla, presentaba recentemente os resultados da firma. Informaba de que no Estado español pagaron 821 millóns de euros en impostos (menos que o que recibiu Amancio Ortega en concepto de dividendo -894 millónscomo principal accionista).

Neses 821 millóns inclúense as cotizacións á Seguridade Social e conceptos como aranceis á importación. Por imposto de sociedades pagan 440 millóns, afirman.

@s directiv@s de Inditex afirman que un 22% dos seus beneficios van en impostos. Unha porcentaxe que abraia pois o propio ministro Luis de Guindos recoñeceu en sede parlamentar hai unhas semanas que o tipo medio das grandes empresas bascula entre o 5% e o 10% unha vez que se acollen a todas as ventaxes fiscais dispoñíbeis para estas compañías.

E as sombras...

A presentación de resultados de Inditex (con incidencia especial por parte de Isla en que achegan o 0,5% do PIB español e que xeran 80.000 empregos directos e inducidos) non oculta as sombras. Como as desveladas recentemente por Jesse Drucker (Bloomberg) e que, malia o escaso eco que atopou nos grandes medios, supuxeron un terremoto para a imaxe do xigante do téxtil.

Inditex elaborou un efectivo esquema fiscal para pagar menos impostos. O funcionamento, sinxelo: transferir beneficios obtidos en estados como o español, britá- nico, italiano ou alemán... a unha filial súa que opera en Holanda e Suíza (con impostos moi baixos). Reduce así artificialmente o pago de impostos nos estados nos que vende. A filial é ITX Merken. Supón só o 0,1% da forza laboral de Inditex, mais representa o 20% dos beneficios globais. Cando menos, 'chocante'.

Nestes 5 anos Inditex transferiu 1.500 millóns de euros de beneficios en diferentes países europeos a esta filial, logrando así aforrar 275 millóns en impostos.

Antecedentes

Non é a primeira vez que se descobren prácticas de 'enxeñairía contábel' en relación con Inditex. En 2011 tivera que repatriar a súa filial de vendas 'on-line' ao Estado español despois de que se coñecese que a creara en Irlanda para aforrar no pago de Impostos (na República de Eire non chegaba o 13%.

Esta reportaxe apareceu no Sermos90, publicado o 27 de marzo de 2014.

Comentarios