Inditex quer instalar eólicos no porto exterior da Coruña

Presenta un proxecto con aeroxeradores cun investimento de 30 millóns

Porto exterior da Coruña

Grupo Inditex presentou á Autoridade Portuaria da Coruña unha solicitude de concesión administrativa para desenvolver un proxecto de instalación de tres aeroxeradores na explanada de Levante do Porto Exterior da Coruña.

O obxectivo é que estes muíños eólicos xeren enerxía sostíbel para o autoconsumo colectivo das instalacións portuarias de Punta Langosteira e da sede de Inditex en Arteixo (oficinas, fábricas e centro de distribución), segundo informou a compañía fundada por Amancio Ortega.

En concreto, segundo esta proposta, recollida na solicitude de concesión que será estudada e tramitada no seu caso pola Autoridade Portuaria da Coruña nos próximos meses, Inditex asumiría o investimento total das instalacións, estimada en aproximadamente 30 millóns de euros, así como a súa xestión e mantemento posteriores, que serían desempeñados desde o punto de vista operativo por unha empresa especializada.

O obxectivo é que estes muíños eólicos xeren enerxía sostíbel para o autoconsumo colectivo das instalacións portuarias de Punta Langosteira e da sede de Inditex en Arteixo (oficinas, fábricas e centro de distribución)

Inditex resaltou que esta formulación para o autoconsumo enerxético colectivo é único no Estado español e está en liña coa aproximación pioneira da Autoridade Portuaria da Coruña á iniciativa Green  Port, que promove a sustentabilidade e  autosuficiencia enerxética dos portos españois.

O  “autoabastecimiento enerxético sostíbel” supón un paso máis no compromiso establecido polo presidente de Inditex, Pablo Isla, cuxo obxectivo é a incorporación a todas as súas operacións da enerxía máis eficiente.

Neste sentido, o grupo marcouse que ao peche do actual exercicio o 90% da enerxía consumida en todas as súas instalacións no mundo (sedes, loxística e tendas) proceda de fontes sostíbeis

Comentarios