Inditex gaña 671 millóns de euros en nove meses

A compañía eleva un 75% as súas vendas 'online' e logra marca histórica de caixa, con 8.265 millóns.

Operarias nunha fábrica téxtil. (Inditex)
photo_camera Operarias nunha fábrica téxtil (Foto: Inditex)

Inditex rexistrou un beneficio de 866 millóns de euros no terceiro trimestre do seu exercicio fiscal 2020-2021 (entre o 1 de agosto e o 31 de outubro), o que supón un descenso do 26% respecto ao mesmo período dun ano antes e do 13% a tipo de cambio constante, e alcanzou un beneficio acumulado de 671 millóns de euros durante os nove primeiros meses do ano fiscal (entre o 1 de febreiro e o 31 de outubro).

Desta forma, a compañía deixa atrás os 'números vermellos' do primeiro semestre fiscal cando se anotou unhas perdas de 195 millóns de euros nun contexto marcado polo impacto do Covid-19.

O beneficio acumulado do nove primeiros meses, un 75% inferior ao dun ano antes, que se situou en 2.720 millóns de euros, inclúe unha provisión pola conclusión do programa de optimización presentado en xuño.

As vendas do grupo nos nove primeiros meses do exercicio 2020 alcanzaron os 14.085 millóns de euros fronte aos 19.820 do exercicio 2019.

Inditex destacou que no terceiro trimestre, a recuperación desde o mes de marzo é "patente", con vendas de 6.052 millóns de euros, fronte aos 7.000 millóns de 2019, o que supón un descenso do 14% respecto dun ano antes e do 10% a tipo de cambio constante.

Durante este terceiro trimestre, o 5% das tendas mantívose pechada e o 88% tivo limitacións significativas de espazo, horarios ou aforamento.

As vendas 'online', pola súa banda, mantiveron en todo este período un "moi bo comportamento" e durante os primeiros nove meses do exercicio creceron un 75% a tipo de cambio constante respecto ao mesmo período do ano anterior, 76% no terceiro trimestre.

Nos primeiros nove meses, a marxe bruta mantívose nun 58,0% sobre as vendas, fronte ao 58,2% do mesmo período de 2019, grazas á xestión do modelo de negocio. A tipo de cambio constante, a marxe bruta crecio 110 puntos básicos até alcanzar o 59,3%.

O beneficio operativo (Ebitda) alcanzou os 3.334 millóns de euros nos nove primeiros meses, fronte aos 5.702 millóns dun ano antes, e o beneficio de explotación (Ebit) situouse en 946 millóns, por baixo dos 3.548 millóns dun ano antes. O primeiro trimestre incluíu unha provisión para a integración dixital de tendas.

Comentarios