Inditex gaña 421 millóns neste primeiro trimestre fiscal

O grupo téxtil recupera a suba de ingresos neste inicio de 2021. O director xeral adxunto, Ramón Reñón, decide rematar este verán a súa actividade profesional despois de 30 anos ligado a Inditex.
Sede de Inditex en Arteixo. (Foto: Nós Diario) #inditex #arteixo #industria #textil #empresasgalegas #marrocos #negocios #intereses #crise #inestabilidade
photo_camera Sede de Inditex en Arteixo. (Foto: Nós Diario)

Inditex recupera unha parte da normalidade e rexistra un beneficio neto de 421 millóns de euros durante o primeiro trimestre do seu exercicio fiscal 2021-2022 fronte ás perdas de 409 millóns do primeiro trimestre de 2020 derivadas da pandemia.

Segundo informa esta cuarta feira o grupo, as vendas incrementáronse un 50%, até alcanzar os 4.942 millóns de euros, e a venda en liña a tipo de cambio constante medra un 67%. As vendas creceron en todas as áreas xeográficas e en cada unha das cadeas. O grupo explicou que os resultados do seu primeiro trimestre fiscal mostran unha "progresiva" recuperación, aínda que se viron afectados co fechamento temporal das tendas.

A posición financeira neta de Inditex alcanza agora os 7.176 millóns de euros no período, un 25% máis que un ano antes e a máis alta nun primeiro trimestre. 

Duplica a venda en tendas e en liña

Segundo o grupo de Amancio Ortega "a recuperación continúa gañando forza" e precisa que, cunha "moi boa" recepción das coleccións de primavera, as vendas en tenda e en liña a tipo de cambio constante entre o 1 de maio e o 6 de xuño crecen un 102% sobre 2020, e un 5% positivo xa sobre o mesmo ciclo de 2019.

Neste período, un 10% das horas comerciais non estaba dispoñíbel por feches ou limitacións.

Actualmente o 98% das tendas están abertas. A compañía segue o seu plan de investimentos de 1.000 millóns de euros en dixitalización e 1.700 millóns de euros para a plataforma integrada de tendas e en liña entre 2020 e 2022. 

Por outro lado, esta cuarta feira sóubose  tamén que o director xeneral adxunto de Inditex, Ramón Reñón, decidiu deixar a compañía téxtil tras case 30 anos de actividade profesional no grupo galego. A renuncia farase efectiva o vindeiro 31 de xullo.

Comentarios