Indignación no sector do transporte polo aumento das peaxes da AP-9

Comeza o ano para o sector do transporte coa noticia negativa do aumento das peaxes da AP-9. Lembran que participaron no anuncio da súa supresión e agora asisten ao seu aumento. Asumirán as perdas dos primeiros meses mais indican que a súa repercusión non tardará en chegar ás consumidoras e aos consumidores. 
Dous camións pasando pola AP-9 (Foto: Arxina).
photo_camera Dous camións pasando pola AP-9 (Foto: Arxina)

O aumento das peaxes na AP-9 que aprobou o Ministerio de Fomento para este ano 2021 comeza a notarse no sector do transporte. Todo o colectivo, consultado por Nós Diario cando se inicia a actividade após o primeiro día do ano e a fin de semana, coincide en amosar a súa indignación por unha medida que traerá, segundo as asociacións do sector, graves consecuencias para a economía e para o sector produtivo do noso país.  

"É un rescate encuberto dunha concesionaria da que son partícipes catro ou cinco accionistas", sinala Antonio Señorís, portavoz da Asociación coruñesa de empresarios do transporte (Ascentra) e da Asociación provincial de empresarios de transporte frigorífico e de mercancías de Pontevedra (Atefrimer). Denuncia que coa suba aprobada, cando baixa o uso desa vía como consecuencia das restricións pola pandemia da Covid-19, en realidade "queren derivar os ingresos ao pobo galego". Señorís cre que "é unha aberración" aplicar ese aumento "por ser a única arteria que vertebra toda Galiza", polo que considera que esta decisión agora é "un total atraco". 

Repercusión en todos os sectores implicados

O aumento das peaxes non só repercutirá nos petos de empresas e particulares que empreguen a AP-9. O portavoz de Ascentra carga contra a minimización do aumento. Explica que "ese 0,92% parece insignificante, mais ese incremento de 1 ou 2 euros por cada traxecto supón ao longo do mes un custo cuantitativo". Este sector tivo, desde sempre, e agora con máis razón, que "optimizar os portes" e pasar a facturalos "no prezo máis accesíbel posíbel para os provedores".

Co aumento actual o incremento é "tanto para eles como para nós". Relata que agora "facer un traxecto de Ferrol a Tui nun vehículo pesado ida e volta son case 100 euros", polo que "é anticompetitivo, por exemplo, para unha fábrica que estea en Ferrol e venda produtos en Tui ou viceversa". 

Para Ramón Alonso, portavoz da Asociación provincial do transporte de mercancías de Pontevedra (Asetranspo), "o primeiro impacto levarémolo as e os transportistas porque ninguén muda as tarifas dun día para outro". Asegura a Nós Diario que "nalgún momento haberá que subilas e o impacto será grande". Alonso pensa que "cando se castiga a Galiza no tema das peaxes, aínda máis cando falan de cobrar por pasar polas autovías, castigan todo o tecido industrial galego, sexa produtivo, extractivo ou transformador". Sinala que a propia situación xeográfica do país tería que analizarse desde as administracións.

"Estando na periferia de Europa e do Estado español, se nos cobran por cada vez que movemos algo, prexudícannos". Pon o exemplo do leite, "que hai que movelo varias veces, desde a granxa até a industria e desde alí a un almacén para logo pasar ás tendas". Após todo ese traxecto, "ao final valerá máis o transporte e a loxística que o propio produto".

O portavoz de Asetranspo indica que "na Galiza hai moitos produtos con pouco valor engadido e o aumento no transporte repercute directamente", polo que "rematarán con moitos deles". Algo que, entende, semella "preocupar pouco ás autoridades estatais e galegas". 

Promesas que non se cumpren 

Na memoria recente do sector están as promesas que non se cumpriron por parte do Goberno español. "Chamáronos cando o Ministro dixo que nos orzamentos iría unha partida para que a segunda viaxe fose gratuíta, para a fotografía na rolda de prensa, e ao final en vez de baixar, aumentan o prezo", conta Ramón Alonso, "paréceme moi mal como galego, como transportista e como empresario", engade. Denuncia, ademais, que "no tramo de Redondela levan tres anos dicíndonos que o prezo estaba conxelado, mais acaban de subilo outra vez". 

Alberto Vila, presidente da Asociación empresarial de transporte de mercancías por estrada da Galiza (Apetamcor), engade que a "desgrazada prórroga coa que conta a concesionaria engade máis dramatismo a este novo episodio". Apunta a Nós Diario o maltrato cara á Galiza cando se liberan outras autoestradas do Estado español e "o agravio coa Galiza é aínda maior por ser a autoestrada máis cara de todas". 

O portavoz de Ascentra sinala que están pendentes de "manter unha reunión coas federacións galegas de transporte polo miúdo para tratar o tema e mobilizarnos". Entende que hai que "reivindicar que as medidas sexan axeitadas para Galiza e para os transportistas".

Asegura que as medidas aprobadas nos orzamentos xerais do Estado de subvencionar unha parte da peaxe, "ao non ser obrigatorio para nós en realidade quen o empregará serán as empresas de fóra, sobre todo de Portugal", que empregan esa vía para conectarse desde o norte co resto do Estado español.

Comentarios