martes 14.07.2020

Indignación coas comisións de mantemento de contas de Abanca

Caixeiro
Caixeiro

Abanca comezou a cobrar este ano as comisións anunciadas en decembro de 2019, cando numerosas entidades bancarias optaron por endurecer as condicións para acceder a contas gratuítas, encamiñando ás usuarias a opcións máis rendíbeis para os bancos.

A clientela de Abanca recibiu entón un correo electrónico cun documento anexo que explicaba os cambios nas distintas contas sen especificar se a persoas estaba directamente afectada polos mesmos.

O cobro das comisións, duns cincuenta euros, espertou as críticas entre as usuarias, para moitas das cales o correo pasara inadvertido. É o caso de Sara Santalla Iglesias, clienta da entidade desde hai anos e que admite que non le toda a correspondencia que esta envía. Non obstante, si tivo coñecemento da nova comisión de Abanca tras o aviso de seu pai.

"Decidín acudir a unha oficina para averiguar se podía trocar a miña conta por outra sen comisións", explica. Xa na entidade, o persoal de Abanca que a atendeu explicoulle que para non pagar a comisión de mantemento de cincuenta euros debía domiciliar a nómina dun contrato de cando menos un ano de duración. "É unha condición que non podo cumprir, pois o certo é que até o de agora só fun quen de traballar por temporadas", salienta ela.

As restantes opcións que lle ofreceron na oficina bancaria pasaban por contratar unha tarxeta de crédito coa que facer un gasto mínimo de 2.000 euros ao ano. Outra condición que non se ve capaz de cumprir. "Despois de facer esa consulta, un amigo faloume doutra modalidade de conta sen comisións, pero esa non ma ofreceron", lamenta.

Por ese motivo, decidiu mudar de entidade bancaria, mais a parálise pola pandemia impediullo. 

comentarios