O importe da prestación media por desemprego en Galiza cae 10% nun ano

Un recorte de 356 euros menos anuais.

A prestación media por desemprego en Galiza no 2015 foi de 3.192 euros, unha cifra que supón un 10% menos que no exercicio anterior, 2014, cando era de 3.548 euros. Unha diferenza nun ano de 356 euros anuais menos para as persoas con dereito a esta prestación.

A estes datos hai que engadir os perto de 100.000 persoas desempregadas que non perciben ningunha prestación, 99.111 persoas que non reciben ingreso algún por estar no paro, nin prestación contributiva nin axudas ou subsidios. A taxa de cobertura situábase en outubro no 53,3%, afastada en 5 puntos da media do Estado, onde é de 58,2.

En Galiza son 93.934 as persoas rexistradas no desemprego que percebían unha prestación. Destas só 39.702 obtiñan prestación de carácter contributivo, é dicer, a que cobra polo que cotizou. A contía destas prestacións en Galiza é das máis baixas do Estado. En xullo, a contía media bruta da prestación contributiva percibida por beneficiario foi de 780,7  euros (802,3 no Estado). As contías medias das prestacións asistenciais (subsidios, renda activa de inserción e PAE), é de 426 euros.

Ademais, comezamos o ano con 1 de cada 2 persoas no desemprego en Galiza enmarcada no que se denomina “paro de longa duración”, é dicir, que leva más de 12 meses sen atopar traballo. O 53% das e dos parados galegos eran de longa duración, unha taxa por riba da media europea.

Comentarios