As importacións galegas medran a maior ritmo que as exportacións

O saldo do comercio exterior no primeiro semestre foi de 1.521 millóns de euros.
Buques de mercadorías no porto da cidade de Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera Buques de mercadorías no porto da cidade de Vigo. (Foto: Europa Press)

A Galiza experimentou un saldo no comercio exterior en xuño de 283,9 millóns de euros, ao subir 50,1% as exportacións (por un valor de 2.796,6 millóns) e 61,1% as importacións (por 2.512,7 millóns) con respecto ao mesmo mes do ano 2021.

Por sectores de actividade, destacou no sexto mes do ano o das manufacturas de consumo, que supuxeron 552,7 millóns en exportacións e 294,3 en importacións. Por contra, os produtos enerxéticos implicaron en xuño na Galiza exportacións por valor de 395,4 millóns e importacións por 521,5.

No acumulado de xaneiro a xuño, o saldo ascendeu a 1.521 millóns de euros, con exportacións por un importe 27,1% superior (14.406,2 millóns) ao mesmo período do ano anterior e importacións que representaron 36,6% máis (12.885,2).

Por outra parte, a suba do saldo da Galiza no comercio exterior no primeiro semestre de 2022 con respecto ao mesmo período de 2021,de 27,1%, foi máis de dous puntos porcentuais superior ao do conxunto do Estado, de 24,8%.

Así, nos primeiros seis meses do ano destaca o sector téxtil galego que, recuperado tras a parada da pandemia, aumentou as vendas no estranxeiro 60,6% respecto ao mesmo período de 2021. En contraste, as empresas da Galiza vinculadas ao automóbil venderon ao exterior 13,5 % menos.

A cifra de negocios da industria galega creceu 35% en xuño en relación ao mesmo mes do ano anterior, tres puntos porcentuais por riba do conxunto do Estado español, segundo datos difundidos esta quinta feira polo Instituto Estatal de Estatística (INE).

Porén, a asociación de empresas industriais Amec Positive Industry advertiu de que observa unha desaceleración na nova demanda industrial, aínda que descarta polo momento unha "gran freada nas exportacións" debido ao gran número de pedidos en marcha efectuados nos primeiros meses do ano.

O INE tamén sinala que o sector servizos galego elevou a súa facturación 29,3% o pasado mes de xuño, en comparación co mesmo período de 2021. Unhas cifras lideradas polas vendas no sector da hostalaría, que aumentaron no conxunto do Estado en 54,2%.

Comentarios