Garda Civil implica San José e outras 3 construtoras no desvío de 17 millóns de euros no AVE a Murcia

Un informe ao que tivo acceso a Cadena Ser ve “improbábel” que ese desvío de fondos públicos se realizase “sen concurso ou coñecemento” das catro empresas.

obras AVE
photo_camera Imaxe: Fomento

A construtora San José e outras tres grandes adxudicatarias (Acciona Infraestructuras SA, Dragados SA, Sacyr) fan parte do desvío de 17 millóns de euros de fondos públicos nas obras do AVE a Murcia. A investigación do grupo de delicuencia económica da Garda Civil, ao que tivo acceso a Cadena Ser, implica a empresa galega e as outras tres na engranaxe de desvío deses cartos a través dunhas obras de reposición hidráulicas que non se chegaron a facer e que, mantén o informe, se camuflaron con facturas falsas.

A subcontrata, Obras Marimar, e un executivo de ADIF non poderían por si propios realizar un desvío dunha cantidade tan grande de diñeiro sen a colaboración das catro grandes adxudicatarias, mantén este documento da Garda Civil do que informa a Cadena Ser. “Todas as manobras de desvío de fondos, dada a súa gran magnitude, era improbábel que poidesen realizarse sen o concurso ou coñecemento das adxudicatarias principais e das persoas responsábeis de ditas adxudicatarias relacionadas coas obras”, explican no informe, de xullo pasado.

O total de fondos liberados por ADIF ás adxudicatarias, sinala o informe, é de 62.225.000 euros. Deles, hai constancia policial de que un mínimo de 30.172.000 euros foron facturados pola empresa Obras Marimar, á que a Garda Civil sitúa no centro da trama. Os investigadores sospeitan que deses máis de 30 millóns, 17.638.754 euros foron facturados de forma ficticia por obras non realizadas.

Comentarios