Impacto do ERE do Santander na Galiza: feche de 135 sucursais e 271 despedimentos

O banco, que tivo 3.752 millóns de euros de beneficios en 2018, formula un  expediente de regulación de emprego para 3.713 postos en 2019

Banco Santander
photo_camera Banco Santander

A primeira reunión formal para falar do ERE do Banco Santander avanzou xa as previsións da ponte do mando deste banco para Galiza: fechar  135 sucursais e despedir 271 traballadores e traballadoras (14% das atinxidas polo expediente de regulación de emprego a nivel estatal). Son, en todo caso, unha primeira proposta, que desde a parte sindical confían en reducir. O Santander, iso si, di que está disposto a recolocar a todo o persoal que o pida.

A CIG alertou estes días que a existencia de tres redes a nivel galego, a do Santander, Pastor e Popular “fará que a reestruturación sexa especialmente dura” na Galiza.

O Santander impulsa un ERE que afecta 3.713 empregos no conxunto do Estado e pechará 1.150 oficinas. O banco tivo 3.752 millóns de euros de beneficios en 2018. Das 131 oficinas bancarias que se fecharán, a maioría estará na provincia da Coruña (64) e de Pontevedra (37), mentres que en Lugo afectará 19 e en Ourense, 15.

Estes despedimentos e feche de sucursais na Galiza é chover sobre mollado. Entre 2008 e 2018 na Galiza desapareceron máis de mil sucursais bancarias, proceso que se deu da man do proceso de centralización e concentración bancaria así como do impacto das novas tecnoloxías e a banca e dos trámites por internet. Nunha década desapareceu 40% da rede bancaria na Galiza, segundo os dados recentemente publicados polo Banco de España.

Entre 2008 e 2016, o número de persoas en situación de exclusión financeira aumentou na Galiza en 49%, 15 puntos por riba da media española, que é de 34%

Comentarios