Iberia elimina a competencia na Coruña e Vigo

A compra de Air Europa por parte de Iberia deixa a Volotea e Binter como únicas compañías alleas ao xigante International Airlines Group (IAG) nos aeroportos da Coruña e Vigo, respectivamente. En Santiago, Air Europa opera sen competencia directa de Iberia. 
Peinador AENA
photo_camera Aeroporto de Peinador. [Imaxe: AENA]

International Airlines Group (IAG), matriz de compañías como Iberia, Vueling, Air Nostrum, British Airways e Aer Lingus ten previsto sumar nos próximos meses á súa carteira a liña aérea Air Europa. A compra da compañía propiedade de Juan José Hidalgo está valorada en 1.000 millóns de euros e realizarase a través dunha filial de Iberia. A operación está pendente da aprobación por parte das autoridades competentes.

A integración muda por completo o mapa aeroportuario galego. No caso da terminal coruñesa de Alvedro, Air Europa moveu en setembro deste ano 24.864 pasaxeiras na ruta A Coruña-Madrid, que representan 20% do total do aeroporto. Iberia era até hai uns meses o seu único rival nese percorrido, que segundo as persoas expertas será o máis afectado pola chegada da alta velocidade a Galiza. Agora tamén presta este servizo a compañía Air Nostrum, que sen pertencer ao xigante aeronáutico mantén un acordo comercial con Iberia para explotar esta ruta.

Xunto con Iberia e Air Europa, no aeroporto operan outras compañías, salvo Volotea e a mencionada Air Nostrum, todas do grupo IAG. A única ruta que quedaría fóra das garras do xigante do transporte aéreo na Coruña sería pois a que cobre esta compañía entre a cidade herculina e Bilbao. O resto de traxectos quedarían cubertos por Vueling, filial de baixo custo do grupo, que voa a Barcelona, Bilbao, Gran Canaria, Londres, Málaga, Palma, Sevilla, Tenerife Norte e Valencia.

Monopolio en Vigo

O caso de Peinador non é moi diferente. Das seis conexións da terminal viguesa, só a de Madrid é a que operan en exclusiva Iberia e Air Europa. Vueling conecta con Barcelona e Air Nostrum enlaza Vigo con Bilbao e Valencia. Neste caso a compañía que escapa das redes de IAG é Binter, que desde hai un ano une a cidade olívica con Gran Canaria e Tenerife.

En Santiago o panorama é ben distinto. Air Europa non se solapa con Iberia en ningunha das rutas que cobre. A firma capitaneada por Juan José Hidalgo enlaza Lavacolla cos aeroportos de Tenerife Norte, Gran Canaria e Lanzarote. Na primeira delas comparte destino con Air Nostrum, Evelop e Vueling; no de Gran Canaria, con Ryanair, o mesmo que en Lanzarote, que tamén opera Vueling.

A ruta a Madrid na terminal compostelá é competencia da compañía de baixo custo Ryaniar, polo que a integración de Iberia e Air Europa e o reparto de rutas poderían facilitar a chegada dalgunha das dúas para completar a oferta a Madrid desde todas as terminais galegas e, ao mesmo tempo para plantar cara á firma que dirixe Michael O’Leary. 

Oferta máis variada

Á marxe do posíbel impacto da chegada do AVE a Galiza, a terminal compostelá de Lavacolla podería ser a grande beneficiada desta operación. Por unha parte, pola posibilidade de ampliar a oferta de destinos con estas aeroliñas, e por outra, porque a diversidade de compañías que operan no aeroporto e a competencia nalgunhas delas fai que sexa menos dependente dos caprichos do grupo IAG á hora de determinar as tarifas que deberán pagar as persoas pasaxeiras por viaxar.

Na actualidade, na terminal compostelá operan Air Europa nos citados destinos; Ryanair, que enlaza con 10 destinos domésticos (Alicante, Barcelona, Gran Canaria, Lanzarote, Madrid, Málaga, Palma, Sevilla, Tenerife Sur e Valencia) e 3 internacionais (Londres, Malta e Milán); Easyjet, co galego Xavier Gándara como director para os mercados de España, Portugal e Países Baixos, que conecta coas localidades suízas de Xenebra e Basilea, e Lufthansa, que o fai con Frankfurt.

Xunto a estas figuran Vueling, que cobre as rutas entre Santiago e Amsterdam, Barcelona, Fuerteventura, Lanzarote, Málaga, Palma, París, Roma e Tenerife Norte; a irlandesa Aer Lingus, que conecta con Dublín, e Air Nostrum, que voa a Bilbao e Tenerife Norte. Estas compañías son as outras que están baixo o control do grupo IAG ou ben contan con acordos comerciais con Iberia.

O peso do grupo IAG variaría de modo considerábel nos aeroportos da Coruña e Vigo. Cos datos de tráfico de AENA correspondentes aos nove primeiros meses do ano, no caso do primeiro, a integración de Air Europa suporía pasar de mover 77% das pasaxeiras que empregaron a terminal de Alvedro a supoñer algo máis de 98%. En Peinador pasaríase de 50% até 85%. Na Lavacolla o impacto é menos acusado, xa que apenas subiría dous puntos porcentuais, de 42% a 44%. Porén, arrebataríalle a Ryanair o liderado de movemento de pasaxeiras, con case 50.000 viaxeiras máis.

Oportunidades 

Para desfacer o control tan forte que tería IAG nos aeroportos principais, o resto de aeroliñas que operan en Alvedro e Peinador deberían comezar a moverse para competir nalgunhas das rutas que xa operan as compañías do grupo. No caso de Binter, a marxe é moi limitada, xa que de momeno só opera vós ás illas Canarias. Volotea teno máis doado e podería ofertar novos destinos estatais, mesmo algunha ruta internacional. O que non parece probable é que o alcalde de Vigo chame a O'Leary para que volva Ryanair.

Comentarios