Iberdrola gaña 1.500 millóns en seis meses. En 2015 cortou a luz a 265.175 fogares por impagamento

Colectivos sociais insisten en que de poña fin ao oligopolio eléctrico, controlado por 3 empresas e nas que Iberdrola controla o 40%.

Luz eléctrica

Iberdrola, como a banca, sempre gaña. Nos primeiros seis meses deste ano, o beneficio neto lambeu os 1.500 millóns de euros. Foron exactamente 1.457 millóns, un 3,3% menos que no mesmo período do ano pasado, un 2015 no que a empresa fixo 265.175 cortes de luz por impagamentos. Mais ese lixeiro descenso nos beneficios responde, como sinala a CNMV (Comisión nacional do mercado de valores) pola ausencia de extraordinarios que si houbo en 2015: 220 millóns de euros pola reversión dunha previsión fiscal.

O propio presidente de Iberdola, Sánchez Galán, recoñeceu esta semana que a compañía prevé un aumento do seu beneficio neto para 2016 de dous díxitos, mellorando así as previsións para o exercicio en torno ao 6 por cento. Sostén que os factores que no primeiro semestre produciron esa pequena mingua nos beneficios devén de situacións que “se van diluir ao longo do ano”.

O resultado bruto de explotación (ebitda) foi entre xaneiro e xuño de perto de 3.900 millóns de eiros, un 1,4% máis que no mesmo período de 2015. Mentres, os ingresos descenderon un 7.6% até se situar nos 14.898 millóns de euros.

Peticións

Diferentes colectivos e asociacións teñen reiterado perante Iberdrola unha serie de peticións e propostas, como a de que finiquite as 'portas xiratorias' e no seu consello de administración non dea cabida a cargos políticos ou da banca. ADICAE (Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros), ANAE (Asociación Nacional de Aforro e Eficiencia Enerxética) ou ARCE (Asociación Rexional de Consumidores de Enerxía) avogan por poñer fin ao oligopolio existente no sector eléctrico, controlado por tres empresas, entre elas Iberdrola cun 40%. 

Comentarios