Hostaleiros galegos prevén unha redución de ingresos de até 60% no último trimestre do ano

Cheché Real afirma que as condicións laborais no sector "están a cambiar a pasos axigantados" pola "necesidade de buscar xente".
A media salarial é máis baixa no sector servizos que nos outros (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
photo_camera A contratación na hostalaría galega subiu 60% no primeiro semestre. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

A hostalaría galega afirma que, despois dun verán no que "se aguantou ben", haberá unha redución severa de ingresos no último trimestre do ano. Ese é a porcentaxe que manexa o presidente de Hostalaría da Galiza, Cheché Real, que apunta á "suba dos carburantes e da enerxía" como elementos que provocan esta caída na facturación.

"Agora mesmo a nivel estatal e europeo o medo que temos é que non vai haber os mesmos ingresos que houbo no verán e na primavera, e os gastos van ser os mesmos", sentencia.

Aliás, Real sinalou que "os gastos do estabelecemento en canto a enerxía van ser os mesmos, pero os ingresos van baixar da orde de até 50 ou 60%". "Isto vai ser moi difícil de manter e de ter unha estabilidade empresarial", alerta.

Neste senso, Cheché Real insiste en que "se a suba da enerxía foi de 300%", a hostalaría "non pode repercutila nas cartas nin nos prezos das bebidas".

Con todo, si recoñece que houbo subas de prezos, pero "moi pequenas". "Creo que a suba vai ser un feito xeneralizado entre outubro e novembro, pero vai ser xeneralizado porque se non vai ser imposíbel manter o negocio", concreta.

A respecto da campaña de verán, explica que houbo "moita xente", pero que "non gastou da mesma maneira que noutros anos". "Nós pensamos que agora, coa chegada do outono e o inverno, vai ser un último trimestre do ano complicado. E 2023, cunha carestía importante para os negocios e a sociedade", remarca.

Sobre a falta de profesionais, Real asegura que non é un "problema" que só afecte a hostalaría, "senón tamén outros sectores", mais puntualiza que "as condicións no sector están a cambiar a pasos axigantados" porque, prosegue, "métese a zoca en moitas ocasións, con salarios baixos e horarios", mais estas circunstancias están a cambiar "debido á necesidade do sector de buscar xente".

Comentarios