A hostalaría nocturna rexeita posíbeis restricións: "Incentivaría as festas privadas sen control"

Algúns locais optaron por non celebrar o fin de ano, aínda que a maioría están á espera do que decidan as autoridades.
Control de acceso na proba piloto do lecer nocturno que decorrera na sala Pelícano da Coruña. (Foto: Europa Press) #lecernocturno #covid19 #probapiloto
photo_camera Control de acceso na proba piloto do lecer nocturno que decorrera na sala Pelícano da Coruña. (Foto: Europa Press)

Representantes da hostalaría nocturna consultados por Europa Press coincidiron en que a posibilidade de máis restricións para o sector, como o peche de cara ao fin de ano, non serían "entendíbeis" e incentivaría "as festas privadas sen control". Ademais, sosteñen que suporía o peche definitivo para locais que até agora resistiron no contexto de pandemia.

Así o apuntaron o presidente de Galiza Noite, Luis Diz, e Sergio Fernández, de Hostalaría Federada Galega, quen sinalaron que os empresarios permanecen á expectativa do que poidan decidir as autoridades sanitarias. Sergio Fernández precisa, no entanto, que algúns locais optaron xa por non celebrar o fin de ano.

"Supón o 60% da facturación deste ano", explica Luis Diz sobre o que se recada nesta ocasión, dada a repercusión que a pandemia tivo no sector. "A inmensa maioría das entradas están vendidas", insiste tamén, á vez que lembra que o lecer nocturno en Galiza estivo "18 meses pechado".

Por outra banda, denuncia "improvisación" por parte das autoridades galegas e precisa que non se pode comparar o contexto en Galiza, á espera aínda das decisións que se adopten, co de territorios como Cataluña ou Asturias que xa anunciaron o peche do lecer nocturno hai días.

"Cun paquete de axudas", recalca Luis Diz que, como Sergio Fernández, critica, por consideralas escasas, as achegadas pola Xunta. "Ninguén fala de indemnizar", sinala este último en caso de máis restricións ou peche do lecer nocturno. "As axudas foron poucas", incide o primeiro comparándoas coas outorgadas en autonomías como a catalá.

Ambos os dous defenden tamén a "seguridade" neste tipo de locais e apuntan que, de acordarse o endurecemento de restricións para este sector, incentivaríanse as festas privadas ou botellóns. "Sen máscara e sen control", insisten neste sentido, e apuntan xa á existencia de eventos deste tipo esta pasada fin de semana.

"Díxosenos que non dependería do número de contaxios, senón da presión hospitalaria", afirma, como outro argumento para rexeitar posíbeis peches, o presidente de Galiza Noite, que recalca que non se pode "machucar" a este sector.

"Cumprimos todo o que se nos pediu", engade a este respecto. "Somos un sector con medidas seguras", acrecenta Sergio Fernández, que se pregunta por que non levaron a cabo antes cribados. "Sería unha lousa para moitos locais", engade sobre o posíbel peche dos mesmos de optarse por un fin de ano con peche do lecer nocturno ou outras medidas restritivas.

Comentarios