A hostalaría de Ferrol denuncia a súa situación

O sector explicou en rolda de prensa a súa situación e convocou para esta cuarta feira unha nova mobilización en forma de marcha do sector que partirá ás 11 horas da praza de España de Ferrol.
Rolda de prensa do colectivo Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra (HAF) e o BNG (Nós Diario)
photo_camera Rolda de prensa do colectivo Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra (HAF) e o BNG (Foto: Nós Diario)

O colectivo Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra (HAF) denuncian que xa son un colectivo "en risco de exclusión social, en risco de extrema pobreza por culpa das administracións, e máis concretamente por culpa do Concello de Ferrol, Xunta e Estado español".

Foi a queixa que trasladou Serxio Perille, un hostaleiro do barrio de Canido, diante da difícil situación que están a atravesar no seu sector na cidade.

"Non quero pedir esmola, quero que se saiba que eu non son o responsábel do feche do meu negocio, e o responsábel deste feche é o que ten que poñer as medidas", afirma en declaracións aos medios de comunicación. 

As circunstancias do lecer nocturno fechado 

En rolda de prensa no concello de Ferrol, acompañados de Iván Rivas, portavoz do grupo municipal do BNG, e Azucena Rico, integrante tamén de  HAF e propietaria dun negocio de lecer nocturno, explicaron en primeira persoa o que están vivindo.

Azucena Rico, propietaria coa súa parella dun local de lecer nocturno no barrio da Magdalena, en Ferrol, detallou que levan fechados desde agosto e "en marzo faremos un ano desde que se decretou o estado de alarma". Indica que "traballamos mes e medio e levamos desde entón con todos os impostos e tributacións en activo", relata.

Mentres, o portavoz do BNG no concello de Ferrol, Iván Rivas, lamentou "a actitude do goberno local e da Xunta diante estaa dura situación".

Por este motivo o colectivo de Hostaleiros e Autónomas Ferrolterra teñen convocado para esta cuarta feira unha nova mobilización en forma de marcha do sector que partirá ás 11 horas da praza de España de Ferrol.

Comentarios