A hostalaría está "cansa" de restricións

Hoxe entran en vigor os novos protocolos para a hostalaría galega. Novas pautas de funcionamento que o Goberno galego impón nun dos poucos sectores que continúa coas restricións da pandemia. A Hostalaría Federada Galega (Hosfega) avisa das dificultades  que teñen para cumprir as citadas normas.
Un medidor de CO2 no interior dun restaurante na Galiza o pasado 23 de abril cando entrou en vigor a súa obrigatoriedade (M. Dylan / Europa Press/ Arquivo).
photo_camera Un medidor de CO2 no interior dun restaurante na Galiza o 23 de abril, cando entrou en vigor a súa obrigatoriedade. (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O novo protocolo de restricións para os estabelecementos de hostalaría na Galiza que entra en vigor esta cuarta feira non foi ben acollido por unha boa parte do sector. O anuncio das novas medidas realizado o pasado 8 de setembro polo presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, deixa sen resolver moitas das demandas do ramo. 

Desde a Hostalaría Federada Galega (Hosfega), constituída por máis de 4.000 negocios e ao redor de 30 colectivos de todo o país, alertan das dificultades que terán para cumprir a nova normativa cando "unhas horas antes de que entre en vigor aínda non foron publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) e non temos toda a información para poder aplicalas". 

Sergio Fernández, vicepresidente de Hosfega e propietario dun estabelecemento en Compostela, afirma, en declaracións a Nós Diario, que agora "non é o momento de meter máis restricións" como as que se implementan desde hoxe. Considera un "erro" saber das novas normas "só por un breve documento que nos facilitaron" e polas informacións dos medios de comunicación. "Igual volven facer como noutras ocasións e publican de véspera", indica. 

Modalidades con dificultades

As medidas anunciadas pola Xunta, que terán continuidade no tempo, segundo Feixoo, implican optar entre dúas modalidades.

Na de tipo 1 rexerá unha distancia 1,5 metros entre mesas, empregarase medidor de CO2 con anotación de datos cada catro horas e o persoal levará máscaras cirúrxicas que se teñen que renovar cada catro horas como mínimo. A ocupación que se lles permitirá, coa barra fechada, será de 50% en interiores e 75 % nas terrazas.

Na de tipo 2 a distancia de 1,5 metros deberá ser entre clientes, controis constantes de CO2, persoal con máscaras FFP2 e que deberán pasar probas periódicas de PCR ou de antíxenos para confirmar que son negativos. Neste caso, poderán abrir as barras para persoas soas ou con outra convivinte e a ocupación sería de 75 % nos interiores e do 100 % no exterior. 

Fernández pensa que nestas circunstancias "moi poucos negocios optarán pola modalidade 2" que propón a Xunta. "Ademais do gasto económico que supón, é de difícil cumprimento para o noso sector", asevera o vicepresidente de Hosfega. 

Non entende que "cando se supón que toda a poboación diana galega está vacinada e o persoal traballador ten a pauta Covid completa se lles exixa unha PCR cada sete días". 

Criminalización, ocio nocturno e horarios

Desde Hosfega lamentan que sexa un documento só para a hostalaría "cando noutros sectores cos mesmos condicionantes que o hostaleiro non se lles aplica igual ningún destes protocolos". 

Fernández pon como exemplo o transporte de persoas "ao que se lle retiraron pautas e non se lle implementaron as medidas que temos nós". Por este motivo pensa que se segue "criminalizando" e observa que "son máis restricións envoltas en salvación para o sector". 

En relación ao ocio nocturno, Fernández sinala que volven escoitar anuncios de como será "sen saber como se está negociando nin con quen". Neste sentido, desde Hosfega seguen pedindo diálogo ao Goberno galego e poder estar presentes nas reunións que periodicamente realiza o executivo cunha parte da hostalaría galega. 

"Hai temas importantes para nós que non se están a tratar, por exemplo os horarios, que seguen sen recuperarse desde o inicio da pandemia", explica o vicepresidente, "cando son medidas incomprensíbeis no nivel de casos que temos en comparación con outras comunidades". 

Discrepancias sobre o certificado Covid

As diferenzas entre Hosfega e a Confederación Empresarial de Hostalaría e Turismo da Galiza seguen a ser considerábeis. Nunha recente entrevista, o seu presidente, Cheché Real, aseguraba que a denuncia que tumbou o certificado Covid fíxose "sen pensar no dano que se lle faría ao sector". Desde Hosfega, pola contra, aseguran que a decisión foi "sensata, lóxica e coherente" e apuntan que "do que nos queixamos é en como se fixo, deixando toda a responsabilidade aos estabelecementos". 

Na tarde de onte, o Tribunal Supremo anunciaba que estimaba o recurso da Xunta á decisión do TSXG, avalando que se poida exixir o pasaporte Covid-19 para acceder ao lecer e á restauración na Galiza ao considerar que a medida é "idónea, necesaria e proporcionada para reducir os contaxios".

Comentarios