Hostal dos Reis Católicos: Unha Folga contra os despedimentos nun parador con amplos beneficios

Traballadores e traballadoras do Hostal dos Reis Católicos de Compostela protagonizan nestas datas catro días de folga. Unha mobilización, sinalan desde o sindicato CUT, que se entenden como "xornadas de loita contra o ERE e a expropiación da representatividade" do comité representativo d@s empregad@s deste Parador.
reis católicos

Os e as traballadoras do Hostal dos Reis Católicos, Parador ubicado na Praza do Obradoiro de Compostela, acordaron en asemblea ir á folga nos días 24, 25, 31 de decembro e o 1 de xaneiro. Datas claves (Noiteboa, Nadal, Noitevella e Aninovo) para unha mobilización contra o ERE que trata de impor a patronal de Paradores nun centro que leva dando benificios reiterados, e pola defensa da representatividade dun comité de empresa ao que non se está a ter en conta na negociación do convenio. O seguimento das primeiras xornadas de folga foron secundadas polo 75% do persoal.

O seguimento das primeiras xornadas de folga foron secundadas polo 75% do persoal

Desde a CUT, sindicato que obstenta a representación neste centro, apuntan a que o cadro de persoal "non recoñece a lexitimidade dun ERE negociado de ostasn aos seus lexítimos representantes", para alén de lembrar que o Hostal dos Reis Católicos "leva dando beneficios reiterados". Por iso, a CUT sinala que os e as traballadoras non están dispostas a "tragar" cun expediente de regularización de emprego que, aliás de implicar despedimentos malia o Parador ter beneficios, "está a ser deseñado nos cubículos de Madrid, cunha representación colectiva que descoñece a nosa realidade e non nos representa".

Denuncia ante Inspección Laboral

As xornadas de folga respostan tamén a “reiterada negativa da empresa a concretar unha data de negociación inmediata”, e a “falar con quen ten que falar das cousas deste centro, que somos nós”, vai acompañada doutras medidas, como unha denuncia colectiva diante do Dirección Xeral de Inspección Laboral "que se agarda que pola súa propia lóxica ampare a interpretación deste Comité, xunto a outras medidas de presión e mobilización".

"A nosa loita non é máis do que unha pequena pedra da loita do conxunto de traballadores e traballadoras da hostalería e de todos os sectores, que deben ter o valor de levantarse contra a ignominia e a rapiña, e facer historia”, conclúen desde a asemblea de traballadores

Comentarios