As hipotecas sobre vivenda marcan en 2022 o seu máximo en 10 anos

A Galiza foi a décima autonomía en novos préstamos.
Núcleo de vivendas na Coruña. (Foto: Álvaro BAllesteros / Europa Press).
photo_camera Núcleo de vivendas na Coruña (Foto: Álvaro BAllesteros / Europa Press).

A Galiza rexistrou 15.701 hipotecas constituídas sobre vivendas en 2022, 8,7% máis que en 2021, segundo os datos que publicou esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Esta cifra supón a maior na Galiza na última década, xa que hai que remontarse a 2011 para ollar unha cantidade superior (máis de 21.000 entón). 

Con todo, a taxa interanual é dous puntos porcentuais inferior á de 10,9% de suba no conxunto do Estado español. De feito, a alza na Galiza só ocupa o décimo posto entre autonomías.

O tipo de xuro medio das novas hipotecas para comprar vivenda situouse en 2022 en 2,52%, o máis alto desde 2019, alcanzando 2,09% nas hipotecas a tipo variábel e 2,71% no caso das de tipo fixo.

Ademais, a porcentaxe de hipotecas sobre vivendas a tipo de xuro fixo escalou o ano pasado até 70,9% do total, a máis alta en 19 anos, concretamente desde o inicio da serie, en 2003.

O alto número de hipotecas asinadas está influenciado pola présa das persoas usuarias en acometer as compras de vivenda ante a ameaza de novos incremento dos tipos de xuro. 

De feito, o tipo medio das novas hipotecas creceu 125% nos últimos 12 meses, chegando no mes de xaneiro a unha taxa media de 3,345%, o que supón o maior nivel rexistrado desde novembro de 2013.

Neste sentido, a influencia das políticas monetarias do Banco Central Europeo (BCE) xa está a provocar unha diminución do número de hipotecas asinadas e agárdase un arrefriamento da construción durante 2023.

Os últimos datos da inflación na eurozona sinalan unha rebaixa de taxa interanual de seis décimas, até 8,6%. Porén, a subxacente chegou ao récord de 5,3%, o que non é un bo augurio na loita do BCE contra a suba dos prezos, polo que podería endurecer os tipos de xuro.

Comentarios