As hipotecas encarecen coa suba do Euríbor até o 1,34%

O Banco de España descarta unha nova recesión no Estado. A cotización do euro chegou esta segunda feira a marcar niveis por debaixo do dólar
O Euríbor alcanzou niveis récord desde 2012 (Foto: Antonio Herrera).
photo_camera O Euríbor alcanzou niveis récord desde 2012 (Foto: Antonio Herrera).

O Euríbor, o índice de referencia para a maioría de hipotecas a tipo variábel no Estado español, disparouse esta segunda feira a 1,344%, o que supón o seu maior nivel diario desde abril de 2012, anticipando así a próxima suba de tipos de xuro que o Banco Central Europeo (BCE) podería aplicar na súa reunión de setembro.

O mercado está a descontar agora unha nova suba de tipos de 0,5 puntos por parte do banco central, ante a persistencia da elevada inflación, que en xullo alcanzou un máximo histórico de 8,9% para o conxunto da eurozona.

Trataríase da segunda suba de 0,5 puntos, despois de que o BCE sorprendese cun primeiro aumento de 0,5% na súa reunión do pasado mes de xullo.

Desta forma, o tipo de xuro para as súas operacións de financiamento pasou a situarse en 0,50%, mentres que a taxa de depósito alcanzou 0% e a de facilidade de préstamo, 0,75%.

Con esta suba diaria do Euríbor, o índice rexistra unha media mensual provisional de 1,125%, a falta de seis sesións para fechar agosto. De rematar así, sería o seu maior nivel desde xuño de 2012, cando se situou en 1,219%. 

A suba que se experimentou esta segunda feira dá continuidade á espiral alcista que se produciu no índice a semana pasada e que lle levou de marcar un nivel de 1,118% o 16 de agosto a 1,258% na xornada do 19 de agosto.

O Banco de España descarta unha recesión

A subgobernadora do Banco de España, Margarita Delgado, descartou a posibilidade de que se produza unha recesión no Estado español no "horizonte inmediato", aínda que recoñeceu a posibilidade dunha evolución negativa da economía estatal nalgún dos sucesivos trimestres.

"Nós non vemos no horizonte inmediato unha recesión no Estado español nin moitísimo menos. Imos crecer 4% este ano e para 2023 espéranse taxas en torno a 2%, punto arriba, punto abaixo", sinalou nunha entrevista.

En calquera caso, Delgado recoñeceu que o risco cero non existe e que está presente a incerteza, polo que non poden descartar que algún trimestre "non sexa de todo moi positivo" e que o potencial fechamento da subministración do gas ruso cara ao resto de Europa, fundamentalmente cara a Alemaña, poida ter un impacto negativo no crecemento económico.

A cotización do euro chegou esta segunda feira a marcar niveis por debaixo do dólar

A cotización do euro fronte ao dólar volveu situarse brevemente esta segunda feira por baixo da paridade ante as perspectivas que apuntan a un crecente risco de recesión na zona euro e á espera de que a finais desta semana se reúnan en Jackson Hole, nas Montañas Rochosas dos Estados Unidos de América (EUA), representantes da Reserva Federal dos EUA e doutros bancos centrais.

O cambio do euro fronte á moeda americana chegou a baixar esta segunda feira até os 0,9992 dólares desde os 1,0034 dólares do fechamento anterior, aínda que tras a apertura das bolsas a moeda empregada por varios Estados europeos recuperou terreo e pasou a cambiarse por 1,0010 dólares.

A semana pasada, a representante alemá no directorio do Banco Central Europeo (BCE), Isabel Schnabel, recoñecía que os signos que apuntan a unha desaceleración do crecemento económico da zona euro abren a porta a que a economía desta área entre en recesión técnica, mentres que probabelmente tardarán algún tempo en disiparse as presións inflacionistas.

No entanto, e a pesar da deterioración prevista da actividade da zona euro, Schnabel sinalaba que non aprecia "ningunha indicación dunha recesión prolongada e profunda neste momento".

Deste modo, de cara á reunión do Consello de Goberno do BCE do próximo mes de setembro, Schnabel mostrábase favorábel a que a entidade volva actuar con decisión, xa que, ao mirar os datos máis recentes, as preocupacións que había en xullo, cando o banco central decidiu acometer unha suba de tipos de 50 puntos básicos, "non se aliviaron".

O pasado 12 de xullo, por primeira vez na historia desde a creación da divisa euro, que tivo lugar hai xa 20 anos, a moeda que empregan diferentes Estados do continente europeo alcanzou a paridade de valor co dólar despois dunha desvalorización continúa durante os últimos meses.

Comentarios