“É preciso superar dunha vez o complexo madrileñista que atenaza a actividade exterior da política económica galega”

O Foro Económico de Galiza presentou un traballo sobre a internacionalización da economía galega elaborado por Joam Lopes Facal coa edición de Albino Prada. Entre outras propostas, aposta por profesionalizar as complementariedades entre Galiza e Portugal ao máximo nivel.

lopes facal foro economico galicia

Tres son as propostas que Joam Lopes Facal e Albino Prada, economistas, poñen sobre a mesa para internacionalizar a economía galega no seu traballo 'Galicia, a perspectiva internacional', que publica o Foro económico de Galiza. Crear unha oficina galega de apoio para captar investimento estranxeiro e apoiar o investimento das empresas galegas no exterior é unha delas.

As empresas galegas invisten no estranxeiro cinco veses máis do que as doutros países invisten en Galiza: 10.800 millóns de euros fronte a 2.600 millóns. Esta oficina, recóllese no documento, sería “áxil, competente, desburocratizada” e tería como principal finalidade “estudar, analizar e acompañar a totalidade de iniciativas empresariais galegas no exterior como tamén a avaliar o entorno empresarial galego da industria auxiliar implicado en implantacións no exterior e tamén as relacións empresariais tecidas nos países receptores”.

Aprender

Tomar como referencia a experiencia vasca, tanto no funcionamento da súa axencia SPRI (Axencia vasca de desenvolvemento empresarial) como na atracción de investimento xerada polos seus polígonos tecnolóxicos é outra das propostas feitas neste informe.

E, por último, proponse un tratamento “serio e profesionalizado das complementariedades económicas da cooperación Galiza-Portuga”, unha abordaxe que se faga, aponta, “concedendo a máximo rango político e simbólico ás relacións da Xunta co Goberno portugués”. Convidan a superar a retórica e propaganda nas relacións para se centrar en tratar “de frente unha estratexia de medio prazo con mellora das comunicacións ferroviarias Vigo-Porto e unha axenda de cooperación no ámbito portuario e aeroportuario”.

É neste ponto no que Joam Lopes Facal chama a “superar dunha vez o complexo madrileñista que atenaza a actividade exterior da política económica galega asumindo o decisivo papel das relacións transfronteirizas en materia de intercambios comerciais e de capital”.

Comentarios