Xoaquín Fernández Leiceaga, Senador (PSOE) e Economista: "Hai moita propaganda e pouca eficacia nas accións da Xunta da Galiza"

Xoaquín Fernández Leiceaga, Senador (PSOE) e Economista.
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga, Senador (PSOE) e Economista.

O economista e actual senador do PSOE por designación autonómica, Xoaquín F. Leicega, vén de presentar o ensaio 'O país do porvir'. Un traballo no que defende as achegas do sistema das autonomías á Galiza nas mudanzas destes anos. Compracente no marco global, aposta por mudanzas de cara ao futuro.

Unha das teses que somete a revisión no seu libro é a do atraso, cales son os eixos da súa argumentación?

É unha cuestión empírica. Somos un dos países que, non só na medición máis convencional que é a do Produto Interior Bruto (PIB) per cápita, senón tamén do índice de desenvolvemento humano da ONU, formariamos parte dos países máis adiantados. Cunha perspectiva dinámica o crecemento económico do progreso que experimentou Galiza nos últimos 40 ou 50 anos desmente a existencia dun bloqueo ao desenvolvemento, froito das forzas combinadas do mercado e da actuación do sector público.  

Que salvaría a día de hoxe do volume O atraso económico da Galiza de Xosé Manuel Beiras?

Representou no seu momento unha visión moi difundida do que pasara na Galiza xusto até finais dos anos 60, nun contexto no que o mercado español se polarizaba de forma moi acusada e onde, ademais, un Estado autoritario como o franquista constituía un elemento retardatario para o progreso, non só do conxunto do Estado español senón tamén especificamente da Galiza. Non recoñecía a súa personalidade colectiva.

Eu creo que era un reflexo dunha época que estaba rematando. O meu libro tenta partir dunha revisión dos postulados básicos dese traballo mais non quere ser unha revisión en profundidade desa tese. O que si constato é que o progreso se produciu. O Estado tivo un poder equilibrador moi importante e en contra das ideas da polarización, a partir dos anos 70 non se produce unha emigración interna considerábel como ocorreu na época anterior e polo tanto hai un crecemento máis equilibrado no conxunto do territorio español. 

O volume volve sobre cuestións nas que tiña traballado nos últimos anos, como a emigración. Que caracteriza este fenómeno nas últimas décadas?

Eu sitúo a emigración no contexto máis amplo da regresión demográfica que ten Galiza. Perdeu o impulso emigratorio tradicional, mesmo pasou por un tempo en que a inmigración foi máis relevante e volve tomar impulso a partir da gran crise de 2008, onde hai unha saída ao exterior, non tanto cuantitativamente senón cualitativamente. Saen mozas e mozos ben formados con bo capital relacional que representan o máis puro da súa xeración. 

N’O país do porvir fai un retrato da Galiza de hoxe que mesmo ás veces parece compracente. Hai entón razóns para o optimismo na Galiza?

Eu diría que é compracente a análise do marco global. O sistema autonómico é unha oportunidade para a Galiza e nos últimos 40 anos aproveitámonos dos seu efectos positivos, así como da construción dun estado do benestar no Estado español aínda incompleta mais si que representou un cambio moi notábel. Sen embargo mirando cara ao futuro eu deixo de ser tan optimista e creo que fai falta mudar de fase. Se até agora a inercia favorecíanos, a partir de agora precisamos ter un proxecto para o país que ten que incidir ademais en aspectos que non nos preocuparon tanto nos últimos 20 ou 30 anos.

Cambiando de terzo, vostede que ten estudado o papel do capital estranxeiro na industrialización da Galiza, como explica o que está acontecendo coa factoría de Alcoa de San Cibrao (Cervo)?

É obvio o que acontece. Hai unha recomposición do mercado mundial do aluminio. A demanda máis importante dese metal está situada nos países asiáticos que medran a taxas moi importantes e industrialízanse. Polo tanto as estratexias das grandes multinacionais que operan nese mercado tamén se redefinen. Nos últimos anos hai un exceso da produción sobre a demanda que leva a grandes empresas como Alcoa a concentrarse naquelas unidades de produción que teñen un acceso á materia prima máis favorábel, que garanten unha provisión de enerxía a baixo custo mellor e que teñen un acceso aos mercados finais tamén máis favorábel. Leva a privilexiar os seus investimentos na península Arábiga fronte zonas máis tradicionais, como era a fábrica de San Cibrao. 

Como analiza o actual momento económico e a resposta das diversas Administracións diante da mesma?

Agora do que se trata é de impulsar a recuperación económica para situármonos no nivel previo da crise. Poríalle unha nota moi alta á actuación socioeconómica do Goberno estatal e creo que a Xunta da Galiza peca de timidez e de falta de efectividade. Hai moita propaganda e pouca eficacia nas súas accións.

Comentarios