O Barómetro 2020 do Craega confirma que hai máis consumidores de produtos ecoloxicos que non consumidores

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) presentou o seu Bárometro 2020 de consumo no que se constata, por primeira vez, unha maior importancia do seu selo no mercado.
Presentación do Barómetro do Craega (Craega)
photo_camera Presentación do Barómetro do Craega (Foto: Craega)

O Barómetro 2020 sobre percepción e consumo de alimentos ecolóxicos, presentado hoxe en Monforte de Lemos polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega), confirmou a tendencia dos últimos anos e certificou, por primeira vez, que a porcentaxe de consumidores deste tipo de produtos supera á de non consumidores.

A mostra realizouse no último trimestre do pasado ano a través dunha enquisa telefónica a un total de 900 persoas. 

O presidente do Craega, Francisco López Valladares, sinalou que o lugar máis común de compra segue a ser o supermercado e a maior parte das persoas consultadas recoñecen algún tipo de certificación vencellado á alimentación eco, "non obstante, só unha pequena parte é quen de identificar concretamente o selo do Craega" polo que "nese aspecto temos que traballar máis”.

Neste eido, comentou que "cada vez se exixen máis selos para os produtos, e isto supón que o consumidor non saiba que está comprando" e deberíase "acortar en certificacións". 

O conselleiro do Medio Rural, José González, salientou na presentación a importancia "do selo ecolóxico" que liga "a orixe natural dos produtos, polo que é relevante ter en conta esta orixe, a base territorial".

Tamén resaltou que Galiza lidera as denominacións de orixe, "mais temos que seguir traballando", e nesta liña incidiu en que en breve actualizarán a Lei de Calidade Alimentaria

Por último, o presidente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, indicou o selo de Craega é estratéxico para as e os produtores "que están defendendo este modo de traballar  enfocado ao extensivo" e concluíu lembrando "que hai que medrar nos cultivos extensivos e fomentar a biodiversidade".

Comentarios