Guillerme Vázquez: "Asistimos á crónica do asasinato do sistema financeiro galego"

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, sinalou que a reestructuración de NGB que impón Bruxelas vai supoñer perda de empregos e deixar Galiza sen peso financeiro. Apunta que neste proceso Feijóo foi "a última mona" e empraza o tecido político e social "si ou si" a traballar a prol dunha Banca Pública Galega
Guillerme Vázquez
photo_camera Guillerme Vázquez

Guillerme Vázquez considera que as condicións impostas por Bruxelas a NGB para darlle axudas por 5.400 millóns de euros supoñen finiquitar o sistema financeiro galego. O voceiro do BNG lembra que se na UE se puxeron condicións "leoninas" a todas as entidades nacionalizadas hai diferenzas: "Bankia poderá seguir como entidade financeira, mais NGB en 5 anos será vendida ou liquidada".

"Agora, si ou si" hai que pular por un banco público galego, sinalou Vázquez. "É ou banca pública galega ou nada"

Para Vázquez as condicións do rescate son froito dun "pacto entre Rajoy e a UE" e que se vai implementar nun "duro proceso de reestruturación" que no caso de NGB vai supor "a perda de máis de 2.000 empregos". O voceiro nacionalista considera que "estamos ante a crónica do asasinato do sistema financeiro galego", algo do que, lembrou, "o BNG viña advertindo desde hai tempo".

Feijóo, "última mona"

E en todo este proceso, mantén Guillerme Vázquez, Núñez Feijóo non moveu ficha "nin fixo nada". Foi, asegurou, "a última mona", demostrando a falla de vontade política para defender unha entidade financeira ao servizo do país.

Tras o anuncio de Bruxelas sobre Novagalicia Banca para Guillerme Vázquez está claro que "agora, si ou si" hai que pular por un banco público galego. "É ou banca pública galega ou nada", enfatizou, e engadiu unha chamada a organizacións políticas e sociais a "pronunciárense a este respecto". Para o voceiro do BNG, se non se dispón dunha ferramenta deste tipo, Galiza carecerá dun elemento importante para sair da crise.

A quita que Bruxelas impón aos e ás titulares de participacións preferentes amosa "que os gobernos están para defender o interese da banca, non da xente"

Preferentes

A quita que Bruxelas impón aos e ás titulares de participacións preferentes amosa, a xuizo de Guillerme Vázquez, "que os gobernos están para defender o interese da banca, non da xente". Lamentou, aliás, que se dispoña de "miles de millóns de euros para salvar a banca e nin un só euron para os milleiros de estafad@s". 

Comentarios