O Grupo Caamaño, que solicitou un ERTE, prevé investir dez millóns de euros nas súas instalacións

 A Xunta publicou a resolución  pola que se someten a información pública as solicitudes de aprobación definitiva do proxecto de ampliación e o seu interese público. O solo no que se asenta a compañía, nun limbro legal, foi cualificado como "finca rústica" polo Concello de Culleredo, que está a tramitar o PXOM.
Instalacións do Grupo Caamaño no municipio de Culleredo (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Instalacións do Grupo Caamaño no municipio de Culleredo (Imaxe: Nós Diario).

O  proxecto de ampliación das instalacións do Grupo Caamaño, a empresa que medrou ofrecendo apoio loxístico ao grupo Inditex, en Culleredo dá un novo paso adiante.

Onte, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou a resolución pola que se someten a información pública as solicitudes de aprobación definitiva do proxecto de ampliación. Tamén a consideración de utilidade pública das obras e instalacións proxectadas.

Limbo legal

A proposta de aumento das instalacións produciuse á vez que a Administración local de Culleredo traballa nun novo Plan Xeral de Ordenación Urbanística. Actualmente, segundo informa Economía Digital, a maior parte do complexo sitúase sobre chan cualificado como "finca rústica" por un plan urbanístico municipal da década dos 80.

O mesmo xornal engade que a propia empresa ligou a operación a unha vía para saír do limbo legal no que se atopa.

En outubro de 2019, o Consello da Xunta acordou a declaración da incidencia supramunicipal do proxecto de ampliación. Segundo informaba a Administración galega, a compañía prevía incrementar a superficie en 29% e xerar 700 postos de traballo.

A extensión que abarcarán as obras afecta ás propias parcelas da empresa e ás inmediatas, a maiores das lindeiras ao acceso principal do complexo. En total, a delimitación inclúe 67.847 metros cadrados, dos cales 4.210 m2 corresponden a vía pública.

O proxecto implica esa recalificación de solo en urbanizábel industrial. Tamén a expropiación de terreos. Para o seu desenvolvemento, a compañía prevé investir 584.000 euros na adquisición do superficie, 850.000 euros na urbanización, 6.000.000 euros na construción de edificación e 3,400.00 no equipamento industrial.

Desde a publicación no DOG, ábrese un prazo dun mes para a presentación de alegacións. Será de novo o Consello da Xunta o responsábel de aprobar o proxecto de ampliación e mais a utilidade pública das obras. 

ERTE

En mans da vasca Kider desde 2019, o Grupo Caamaño dedícase ao deseño, fabricación e instalación de locais e espazos comerciais. Presente nos principais mercados, a súa facturación supera os 100 millóns de euros. Pese aos seus beneficios, no mes de abril foi unha das compañías que solicitou un Expediente Temporal de Regulamento de Emprego "por causa de forza maior" debido aos efectos da pandemia. 

Comentarios