O gromo en PSA pon en alerta os principais centros produtivos do país

Catro positivos de Covid-19 na factoría viguesa de PSA acenden as alarmas nun sector do que depende boa parte da economía do país. De momento a produción non está en risco, pero serve como chamada de atención para que o tecido produtivo galego extreme as precaucións se non quere pagar as consecuencias.
Traballadora na planta de PSA en Vigo
photo_camera Traballadora na planta de PSA en Vigo.

Galiza sumou esta sexta feira 200 novos positivos da Covid-19, o que eleva o número de casos activos até 3.139. A pandemia avanza polo país e non fai distincións de ningún tipo á hora de propagarse. Até que chegue a vacina, calquera persoa é susceptíbel de caer, e as empresas teñen que estar preparadas, primeiro para evitar contaxios e, despois, para actuar en caso de que se detecten.

Nas últimas semanas o virus fixo acto de presenza nas empresas galegas. Primeiro foi Navantia a que detectou varios positivos en empresas auxiliares de Fene e de Ferrol, o que levou o estaleiro público a illar varias decenas de traballadores de modo preventivo. Os últimos gromos tamén afectaron ás dependencias de Correos no aeroporto de Lavacolla (Compostela) e a unha empresa da Pobra do Caramiñal. E hoxe descubríronse os primeiros positivos nun dos xigantes que tira da economía galega, o grupo francés de automoción PSA.

Ao igual que acontecera en Navantia, o positivo detectouse nunha subcontrata que traballa na planta de PSA Peugeot Citroën de Vigo o que provocou o illamento de 11 operarios da factoría que tiveron contacto con esta persoa e aos que se lles realizaron as pertinentes probas PCR. Esta tarde, xa cos resultados, coñeceuse o positivo de tres deles. A empresa "confía" en que o surto non vaia a máis.

A traballadora que deu positivo está vinculada co gromo que afecta á Comisaría de Vigo e, segundo confirmaron fontes da planta, non está relacionada con procesos produtivos. Nesta mesma liña, tamén informan de que o illamento do resto de operarios tampouco afectará ao normal funcionamento da fábrica.

Afección económica

A aparición dun gromo na factoría de PSA en Vigo podería chegar a condicionar a actividade dunha planta á que a pandemia mantén nunha permanente situación de alerta. O confinamento levou o grupo francés a presentar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para o seu cadro de persoal, que após o confinamento quedou reducidoa regulacións temporais en distintas quendas por mor da caída das vendas derivada da crise económica actual.

Cuns abrochos difíciles de controlar, non é descartábel que se rexistren contaxios noutras grandes empresas ou en sectores chave para a economía galega. Como sinalaban estes días os sindicatos, a prevención é a primeira barreira para conter o avance da Covid-19, máis nas empresas galegas adoita fallar a cultura de prevención, unha eiva que pode pasar factura nos vindeiros meses se non se logra atallar a súa expansión.

Os cribados xeneralizados poden axudar a unha mellor e máis rápida detección dos contaxios, como acontece no caso das persoas que están a traballar na vendima, ás que as adegas están a facer probas PCR. O propio conselleiro de Medio Rural, José González, recoñecía que esas probas estaban a revelar novos positivos, aínda que puntualizaba que non estaba a haber "un número significativo deles".

Falla de prevención

Porén, desde os sindicatos botan en falta plans de actuación específicos para cada empresa e protocolos claros para saber como actuar no caso de que se rexistre un positivo. Con todo, non albiscan boas perspectivas, xa que, segundo critican, as empresas non están a gastar en prevención, senón que agardan a que xurdan novos casos para despois actuar. Poñen como exemplo a política forestal. Ante o risco de incendios, é máis efectivo gastar os cartos nunha boa política de prevención que detecte os puntos quentes e defina estratexias para minimizar a aparición de lumes que facer inxentes investimentos en equipos de extinción para apagar eses lumes cando o dano xa está feito.

Por sorte, as empresas aínda están en disposición de atallar o avance da pandemia. Deberán, iso si, extremar as medidas de prevención e controlar os novos positivos.

Comentarios