Greve nos centros de chamada de Galiza contra a imposición dun “convenio lixo”

CIG chama os 8.000 traballadores do sector a unha xornada de protesta o vindeiro 11 de xuño.

centros de chamadas
photo_camera centros de chamadas

Está a ser un dos sectores galegos máis 'correudos' para a patronal: os traballadores dos centros de chamada. Greves, paros, protestos, mobilizacións... O persoal do 'telemarketing' non cesa na defensa dos seus dereitos e a loita por un convenio colectivo xusto contra unha patronal “obstinada na involución das nosas condicións de traballo”, como explicaba en abril Laura Pérez, traballadora do sector e delegada da CIG.

A CIG-Centros de Chamadas decidiu retomar as mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno no sector e convocar unha nova xornada de greve após a paréntese aberta para intentar acadar unha unidade de acción sindical “que non foi posíbel porque CCOO e UGT nin sequera contestaron as nosas propostas”. Desde a central rexeitan a plataforma de negociación destes sindicatos ao entender que “debera ser negociada e ratificada nun proceso aberto e participativo”. Consideran que após a suspensión das protestas as empresas pensan que pacificaron o sector e que polo tanto vai aceptar un “convenio lixo”, por iso volven a bloquear a negociación do convenio. “Temos que demostrarlles que están erradas, que mantemos a nosa rebeldía fronte ás condicións inxustas que nos impoñen no día a día e fronte á súa intención de recortar salarios e dereitos”.

A primeira destas mobilizacións terá lugar o vindeiro día 11 coa convocatoria dunha nova xornada de greve no sector, que coincidirá coa celebración de concentracións de traballadores en distintos puntos da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense.

Comentarios