Greenalia adquire un parque eólico de 24 megavatios propiedade de Jealsa

A enerxética coruñesa Greenalia engade un novo parque eólico á súa carteira e crea dez novas sociedades para futuros desenvolvementos.
Parque eólico de Miñón (Greenalia).
photo_camera Parque eólico de Miñón (Greenalia)

A compañía enerxética Greenalia segue a sumar megavatios (MW) para a súa carteira de renovábeis na Galiza. Desta vez, a firma que preside Manuel García, ven de facerse coa sociedade Beltaine Touriñán S.L., propiedade do empresario Jesús Alonso Escurís (Jealsa), segundo consta na edición desta terza feira do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme).

Segundo informaron a Sermos Galiza fontes de Greenalia, os 24MW do parque vencellado a esta sociedade, situado en terreos dos concellos de Cuntis, A Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo, permitirá elevar até os 123 MW a carteira dos parques incluídos no seu proxecto Eolo 1.  

A recén adquirida sociedade pasará a denominarse Greenalia Green Power Touriñán e terá a Greenalia Wind Power como socio único. A compañía non quixo desvelar o montante da compra do parque eólico, composto por 8 aeroxeradores de 84 metros nos que os propietarios de Jealsa investiron no seu día 22 millóns de euros para a súa construción.

Xunto con este movemento, o Borme recolle a creación por parte da enerxética coruñesa de dez novas sociedades que suman á súa denominación común Greenalia Wind Power apelidos como Brisa, Cefiro, Galerna, Levante, Siroco ou Tramontana, e que corresponden con futuros desenvolvementos que a compañía pretende levar a cabo na Galiza dentro do seu plan estratéxico. 

Disparada en Bolsa

Nos últimos días, Greenalia, que cotiza no Mercado Alternativo Bursátil (MAB), encadea varias sesións creciendo a doble díxito. Os títulos da compañía, que comezaron a semana nos 7,60 euros por acción, cotizaban esta terza feira por riba dos 9,8 euros, cunha revalorización de 29% en tan só dúas xornadas.

Comentarios