Grecia non é unha anomalía: 250 ‘defaults’ de débeda soberana na época contemporánea

O impago grego ao FMI non é algo extraordinario na historia económica. Investigadores de Harvard consideran os ‘defaults’ inherentes á economía global e para nada un fenómeno anormal como a ortodoxia quer facer crer. O primeiro ‘default’ da historia, iso si, foi en Grecia, no 377 A.C.

FMI fóra. Pintada en Dublin
photo_camera FMI fóra. Pintada en Dublin

Grecia non pagou esta semana os 1.600 millóns de euros adebeados ao FMI e o Fondo non tardou en declarar o país heleno “en mora” e comezar os trámites para adoptar as medidas precisas cara un ‘default’ (cesamento de pagamentos) que economistas ortodoxos e medios de comunicación presentan como algo extraordinario e anormal na economía. E non é así. Polo menos isto é o que se recolle nunha reportaxe de Max Seitz na BBC, que fala con economistas e expertos, para alén de debular informes e estudos de organismos como a ONU para er unha visión real e en perspectiva do que é a realidade do ‘default’.

Até o século XIX os ‘defaults’ derivaban na súa inmensa maioría de causas extraordinarias, como revolucións ou guerras. Mais na idade contemporánea iso cambiou e o cesamento de pagos pasa estar vinculado a manobras e sarillos financeiros. Seitz cóntanos como os economistas Kenneth Rogoff e Carmen Reinhart, da Universidade de Hardvard, contabilizaron os ‘defaults’ de débedas soberanas -as declaradas por estados- entre 1800 e 2000: 250 cesamento de pagos en dous séculos, un promedio de un cada ano. “A conclusión dos investigadores de Hardvard é que os defaults son inherentes á economñia global, non sendo tan raros ou anormais como desde algúns estados poderosos, economistas ortodoxos e medios de comunicación queren facer crer”.

Desde 1950, máis de 600 casos de reestruturación da débeda

Segundo dados da ONU, desde 1950 producíronse máis de 600 casos de reestruturación da débeda, afectando a 95 estados. Deses casos, 180 foron compromisos con acredores privados (bancos, posuidores de bonos estranxeiros) e o resto con entidades e organismos internacionais de crédito.

Os estados que incorreron en máis ‘defaults’

Na reportaxe da BBC mesmo se inclúe unha ‘listaxe’ dos estados que máis incorreron en cese de pagamento. De entender o ‘default’, explica, como crise de débeda externa, o pior pagado da historia é o Estado español, con 14 crises relacionadas cos incumprimento dos seus compromisos financeiros. Francia incumpríu en 9 ocasións e Alemania (incluíndo Prusia, Hesse, Schleswig-Holstein e Westfalia) 8 veces. Estados Unidos en 6, igual número que Grecia. En Grecia aconteceu o primeiro ‘default’ da historia, no 377 Antes de Cristo, cando 12 polis decidiron non cumprir coas súas obrigas financeiras.

En realidade, e como recolle a nova da BBC, hai moi poucos países que nunca deixaron de pagar as súas débedas. Entre eles, Suíza, Finlandia, Noruega ou Bélxica.

Comentarios