As grandes superficies comerciais buscan sumarse ás compras na rede

A expansión das grandes superficies veu da man dalgunhas marcas que apostaban por concentrar as súas tendas en lugares onde espallarse. O baleiro que deixan cando deciden mudar de localización causou máis dun fechamento destes centros e agora, co aumento do comercio en liña pola pandemia, poderían incrementarse estes casos. O sector cre que pode adaptarse nun futuro próximo, como fai o pequeno comercio, para que non aconteza.  
Centro Comercias As Cancelas, en Compostela (As Cancelas)
photo_camera Centro Comercias As Cancelas, en Compostela (Foto: As Cancelas)

A implantación cada vez máis rápida da venda online entre as grandes empresas multinacionais que operan nos centros comerciais podería mudar a configuración actual das grandes superficies tal e como hoxe as coñecemos. Aínda é cedo para falar de cambios a curto prazo, mais desde este sector preparan estratexias que minimicen o impacto desta situación, da mesma maneira que fai o pequeno e mediano comercio de proximidade.

Se ollamos os datos, Galiza conta con 39 centros comerciais que suman en conxunto unha Superficie Bruta Alugábel (SBA) de 912.720 m² nun total de 1.969 locais (dos cales o 84,8% son menores de 300 m²) e pon ao dispor do público unha dotación de 42.862 prazas de aparcadoiro.

Representan 5,6% da superficie comercial galega á que achegan 338 m² de SBA por cada 1.000 habitantes. En termos relativos, supón 6,9% dos centros existentes en todo o Estado español, o que equivale a 5,6% da SBA total e creación de emprego para máis de 41.000 persoas, segundo a Asociación Estatal de Centros e parques Comerciais (AECC). 

Desde esta entidade falan dun "ano moi complicado", que comezou con boas afluencias en xaneiro e febreiro mais que, por causa da pandemia, baixou 40% en marzo e case 90% en abril. Como dato, o seu presidente, Eduardo Ceballos, indica que a recuperación do verán deixou cifras de afluencia "de entre un 20 e un 25% menos que 2019" e descensos ao redor de 20% até antes de comezar decembro. Nas cifras de vendas, desigual dependendo das marcas que tratemos e das tendas polo seu tamaño, aumenta 5% por visitante malia que se lle dedica menos tempo á visita. 

A pandemia aumenta a venda 'online'

O anuncio en xuño por parte de Inditex das primeiras perdas na súa historia (409 millóns de euros entre febreiro e abril este 2020) coincidiron co cambio de estratexia da empresa de Amancio Ortega de fechar arredor de 1.000 e 1.200 tendas en todo o mundo para apostar pola venda en liña que, coa pandemia, aumentou 50% o volume de negocio.

O presidente da compañía, Pablo Isla, presentaba un plan para os vindeiros dous anos coa finalidade  de conseguir a transformación dixital, cun investimento de 1.000 millóns de euros para a actividade online e outros 1.700 millóns de euros para actualizar a plataforma integrada de tendas. 

Resposta por parte das grandes superficies

Ninguén dubida da importancia destas marcas para a subsistencia dos propios centros comerciais, polo que desde as grandes superficies estudan accións nesta nova situación. "Percibimos unha estratexia omnicanle para un consumidor que é omnicanle e, nese sentido, os centros e parques comerciais estamos nas mellores condicións para aproveitar as sinerxías da integración entre o físico e o dixital", comenta Ceballos a Nós Diario.  Explica que nesa integración empregan ferramentas que ofertan como servizos nos propios estabelecementos. "A medio prazo os cambios están orientados á aceleración da dixitalización", sentenza. 

Non é doado conseguir declaracións dos equipos de xerencia das grandes superficies. Aínda así, fontes do centro comercial As Cancelas de Compostela recoñecen que traballan, polo de agora, apoiando os operadores para facilitar a venda en liña. "Nós como centro comercial non podemos facer venda online mais, se as marcas deciden empregala, si axudamos habilitando zonas no aparcadoiro para as recollidas ou difundindo información útil a través das nosas redes sociais", afirman a Nós Diario. Agardan que o anuncio de fechamentos de tendas de empresas como Inditex non lles afecte. "Volveremos á normalidade, os centros comerciais vendemos unha experiencia de lecer", sinalan.

Comentarios