A gran banca ingresou 14.000 millóns de euros en seis meses por comisións aos seus clientes

Caixeiro
photo_camera Caixeiro

A gran banca española (Santander, BBVA, Caixabank, Sabadell, Bankia e Popular) ingresou durante o primeiro semestre de ano perto de 14.000 millóns de euros por cobros de comisións, unha cifra superior nun 0,4% á que cobrou durante o mesmo período do ano anterior, 2015. Unha media de 78 millóns de euros ao día que a gran banca gaña en concepto de comisións aos clientes. Segundo datos de balances da banca publicados por Expansión, o Santander é o que leva a tallada máis suculenta, con 7.543 millóns de euros, o 54% do total.

O BBVA ingresou 3.557 millóns de euros, Caixabank 1.546 millóns e o Sabadell 860. O Banco Popular, que impulsa un expediente de regulación de emprego (ERE) que destruiría só en Galiza 400 empregos, gañou 276 millóns de euros coas comisións aos seus clientes.

A principios de setembro o Banco de España recoñecía que o Estado só recuperara o 5,3% dos máis de 53.000 millóns de euros de fondos públicos que din que se destinaron a salvar a banca. Pouco despois coñecíase que o propio goberno daba por perdidos por volta de 26.300 millóns de euros dese resgate, un diñeiro procedente de fondos públicos e que xa non se vai recuperar. A metade do que se adicou a salvar o sistema financeiro español en plena vaga de recortes e tesoiradas en servizos públicos.

Comentarios