A gran banca española aumenta 32% as ganancias nos tres primeiros trimestres

As principais entidades financeiras fecharon 33% das súas sucursais na Galiza en tres anos. Por contra, no contexto da crise inflacionista que afecta as familias, as seis maiores entidades financeiras do Estado español obtiveron uns beneficios de máis de 16.000 millóns de euros durante os nove primeiros meses do ano, 32% máis que no mesmo período de 2021.
O Banco Santander, presidido por Ana Botín, aumentou un 99% os seus beneficios da súa actividade no Estado español(Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera O Banco Santander, presidido por Ana Botín, aumentou un 99% os seus beneficios da súa actividade no Estado español (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

As seis maiores entidades bancarias do Estado español obtiveron en conxunto un beneficio neto de 16.014 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, o que supón un aumento de 32% máis con respecto ao mesmo período de 2021, excluíndo elementos extraordinarios que se rexistraron no exercicio pasado, como o impacto da fusión entre CaixaBank e Bankia.

Banco Santander obtivo un beneficio de 7.316 millóns de euros nos nove primeiros meses de 2022, o que supón 25% máis en euros correntes con respecto ao mesmo período do ano anterior. No Estado español, excluíndo os resultados noutros Estados, o beneficio ordinario do Santander ascendeu a 1.104 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, un incremento de 99%.

O grupo BBVA rexistrou un resultado positivo de 4.842 millóns de euros entre xaneiro e setembro, o que supón unha alza de 46,2% a tipos de cambio correntes con respecto ao mesmo período de 2021. No Estado español obtivo un resultado favorábel de 1.514 millóns de euros entre xaneiro e setembro, cunha suba de 27,1%.

CaixaBank rexistrou un beneficio de 2.457 millóns de euros até setembro, 17,7% máis respecto ao mesmo período do exercicio previo. O seu resultado contábel aumentou 21,5% sen incluír os efectos da fusión. 

Banco Sabadell obtivo un beneficio de 709 millóns de xaneiro a setembro, o que supón perto do dobre respecto dos 370 millóns do mesmo período do ano anterior. 

Grupo Bankinter rexistrou un beneficio de 430,1 millóns de euros durante os nove primeiros meses deste ano, o que representa 21,2% máis que no mesmo período do ano pasado. 

Por último, Unicaja Banco rexistrou un beneficio de 260 millóns de euros durante os nove primeiros meses deste ano, o que supón un incremento de 67,1% respecto ao mesmo período de 2021.

No caso da entidade financeira con maior implantación na Galiza, Abanca obtivo un beneficio de 104,3 millóns ao fechamento do segundo trimestre, cun incremento das ganancias de 14,3% con respecto ao mesmo período do exercicio anterior.

Fechamentos de oficinas

Segundo datos achegados pola CIG a Nós Diario, a pesar o incremento de beneficios da banca, as principais entidades do sector na Galiza (Abanca-Caixa Geral, Santander, BBVA e Sabadell) fecharon entre o comezo de 2019 e o principio de 2022 un total de 397 oficinas de atención ás persoas usuarias, das 1.167 coas que estas empresas contaban, o que supón máis de 33% das sucursais clausuradas nun período de tres anos.

CCOO concentrouse esta sexta feira na Coruña fronte á sede de Abanca. O sindicato denunciou que, a pesar do aumento de beneficios do sector bancario, estase a desenvolver o "fechamento che de máis da metade de oficinas", son continuos os "axustes de persoal" que se traducen en despedimentos e que "os procesos de dixitalización están a aumentar de forma exponencial a sobrecarga de traballo".

As petroleiras tamén disparan as ganancias

A respecto das empresas petroleiras, a estatal norueguesa Equinor, a antiga Statoil, bateu o seu récord histórico de ganancias por segundo trimestre consecutivo, ao obter un beneficio neto de 9.384 millóns de euros no terceiro trimestre de 2022. O dato supón case septuplicar (567%) os beneficios obtidos no terceiro trimestre de 2021. Entre abril e xuño, a petroleira xa obtivera unha marca inédita de beneficios ao gañar 6.757 millóns de dólares.

As petroleiras estadounidenses ExxonMobil e Chevron, neste caso de capital privado, fecharon o terceiro trimestre de 2022 con fortes incrementos das súas respectivas ganancias, grazas ao impulso dos altos prezos da enerxía. No caso de ExxonMobil, o beneficio entre xullo e setembro alcanzou os 19.612 millóns de euros, case tres veces máis que un ano antes. Pola súa parte, as ganancias  de Chevron no terceiro trimestre disparáronse até os 11.204 millóns de euros, 83,8% máis que no mesmo período de 2021.

Comentarios