Escotet afirma que o banco "non está en venda"

O goberno venezuelano inicia as negociacións para nacionalizar o banco que mercou as caixas galegas

Diosdado Cabello, membro da Asemblea Constituínte e vicepresidente do PSUV, afirma que "esta semana faremos a oferta formal [de compra]". Tamén solicitou ao Fiscal Xeral constituínte que realice unha investigación contra o presidente da entidade, Juan Carlos Escotet, que tamén o é de Abanca.

banesco
photo_camera Sede de Banesco.

O constituínte e primeiro vicepresidente do Partido Socialista Unido de Venezuela (Psuv), Diosdado Cabello, anunciou que o goberno venezuelano iniciou esta semana negociacións para concretar a compra de Banesco e lograr así que este pase a formar parte da banca pública do país. Banesco, un dos grandes bancos de Venezuela, comprou a finais de 2013 Novagalicia Banco, resultante da fusión das caixas galegas.

“Nesta semana debemos xa comezar a negociación con Banesco, nós imos mercar Banesco. Banesco púxonolo á venda, barato, en verdade barato, agradecémoslle moito a Escotet que nos dea esas  facilidades, como tres millóns e medio de dólares. Esta semana faremos a oferta formal. E se quere, véndenos o que ten en España [por Abanca]”, dixo o líder chavista.

Hai que lembrar que Cabello indicara recentemente que Escotet fixera unha "irrisoria" oferta polo 2,34% das accións que o Estado de Venezuela ten de Banesco: “O goberno ten 2,34% das accións e eles queren mercar con todas as trampas que poden ese 2,34% pagándonos 387 millóns de bolívares”, explicou o dirixente. “Está ben. Ao seu cambio, dese dólar que tanto lles gusta, vannos dar 3.225 dólares.”, dixo o vicepresidente. A seguir, engadiu que con iso, “Juan Carlos Escotet [presidente de Banesco] estanos a dicir que o resto das accións valen 413.000 millóns de bolívares”, ou sexa, 3,5 millóns de dólares.

Cabello tamén pediu ao Fiscal Xeral Constituínte que realice unha investigación contra o presidente da entidade, Juan carlos Escotet, que tamén o é de Abanca. Através dun chío na súa conta de twitter, Escotet afirma "Banesco non está en venda". "Como xa o dixen en 2014, os fillos non se vende, iso sábeno ata os meus netos. Banesco non está en venda. Hoxe máis que nunca, a miña aposta é por Venezuela". 

Comentarios