O Goberno estatal prevé agora subir as peaxes 1,03%

A medida podería aprobarse esta mesma semana.
Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Ana Varela)

O PSOE e Unidas Podemos negocian un documento para mitigar o aumento de prezos nas peaxes da AP-9 e da AP-53. A aprobación do borrador deste documento suporá un incremento das peaxes non moi superior a 1%.

Esta modificación extraordinaria e temporal do sistema de revisión de tarifas e peaxes aplicarase durante os próximos dous anos, se antes non se aproba outro sistema de revisión de prezos.

A previsión é que a medida se aprobe esta terza feira no Consello de Ministros ou nesta quinta, nun Consello Extraordinario, e entraría en vigor o 1 de xaneiro de 2023.

O Goberno estatal pretende incluír esta iniciativa no Real Decreto que lexisla o paquete de medidas co que busca paliar os efectos da crise de prezos e que inclúe, por exemplo, a modificación do IVE dalgúns alimentos básicos. 

Aumento de 1,03% no prezo das peaxes

Segundo o documento, o aumento sería de 1,03% en ambas as autoestradas, por baixo do 4% que calculaba o Executivo a semana pasada, e tamén lonxe da subida de 9% que solicitaban as concesionarias. O obxectivo destes cálculos, segundo o Executivo estatal, sería evitar que se poida reverter directamente sobre o Índice de Prezos de Consumo (IPC).

Co actual sistema de revisión de tarifas e peaxes, o importe a subir ou baixar calcúlase cada ano en función do IPC, polo que se estimaba que no vindeiro exercicio o incremento se situaría en 8,4%.

A esta cifra cómpre sumar a compensación de 1% que recibe a concesionaria da AP-9 polas obras de ampliación da ponte de Rande e da circunvalación de Compostela. En comparación cos prezos actuais, subirían un 9%, que se reducirían a 1,03% co novo sistema.

Comentarios