O Goberno estatal prepara as reformas esixidas por Bruxelas

A ministra Calviño ultima a redacción do documento.

Nadia Calviño, no Congreso.
photo_camera Nadia Calviño, no Congreso.

O aceso ás liñas de asistencia económica recollidas no Fondo de Reconstrución aprobadas no último cumio europeo non deixan lugar a dúbidas. Aqueles Gobernos estatais que aspiren a recibir a axuda financeira establecida no plano de rescate deben presentar previamente á Comisión Europea para o seu estudo un plan de reformas conforme ás esixencias fixadas no semestre europeo. Así as cousas, o Executivo estatal prepara o seu plano conforme ás esixencias que Bruxelas vén formulando na última década.

O Goberno español agarda presentar en outono a súa proposta de reformas. O documento, no que traballa a ministra Nadia Calviño co seu equipo, está recibindo suxestións do resto dos departamentos do Gabinete, porén a última palabra tena a vicepresidente económica de Pedro Sánchez. Unha vez presentado o documento diante das autoridades comunitarias estas deben determinar se consideran suficiente o alcance das modificacións, correspondéndolle, por último, a aprobación definitiva á totalidade dos Estados  membros da Unión Europea

A orientación das propostas está na liña das esixencias das autoridades europeas dos últimos tempos e máis, concretamente, nos termos fixados no denominado semestre europeo. A este respecto, a Comisión Europea no seu último informe sinala que o Estado español “só desenvolveu de forma integra 12% das recomendacións formuladas de modo substancial outro 24%”. Asemade, este documento sinala como moi negativo que “ a partir de 2014 son máis lentos os avances das reformas. Houbo algúns retrocesos nas reformas das pensións, e o novo Goberno anunciou a marcha atrás na reforma do mercado laboral introducida en 2012”.

O Executivo español aposta por aplicar as reformas en tres anualidades, deixando para 2023 aquelas cuestións máis lesivas. Malia a isto, os membros do Executivo dan por feita a renuncia a súa axenda social, asumindo a necesidade de acometer unha reforma do réxime de pensións que amplíe a base de cálculo do período de xubilación e un retraso na idade da mesma, unha suba dos impostos indirectos, concretado na eliminación dos tipos superreducidos ou reducidos do Imposto do Valos Engadido (IVE) e unha nova regulación máis exixente do réxime laboral.

Comentarios