O Goberno español subirá 0,9% o salario do funcionariado en 2021

O Executivo estatal fala dunha oferta pública de emprego de 28.055 persoas no presente exercicio.
A ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias (Foto: Jorge Gil / Europa Press).
photo_camera A ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias (Foto: Jorge Gil / Europa Press).

A economía española sufrirá en 2020 a súa maior caída como consecuencia do coronavirus, o que se traducirá en altas taxas de desemprego e centos de negocios arruinados. Mais iso non será inconveniente para que os empregados públicos vexan aumentado o seu salario en 2021. 

Segundo prevé o Goberno español, a suba será de 0,9%, en liña coa previsión de inflación o próximo exercicio e coa revalorización prevista tamén para as pensións públicas, segundo confirman fontes do Ministerio de Política Territorial e Función Pública.

Esta foi unha das cuestións abordadas polo Executivo estatal e trasladadas aos sindicatos na reunión da Mesa Xeral das Administracións Públicas, na que falaron dos Orzamentos de 2021 no referido á alza salarial e as prazas públicas.

O Goberno español decidiu finalmente que aprobará unha subida do soldo dos empregados e as empregadas públicas de 0,9% en 2021, en liña coa revalorización das pensións ligadas ao IPC trasladada a Bruxelas no Plan Orzamentario. Esta suba é inferior á de 2% aprobada para este ano, que podería acadar até 2,3% se se sumaban fondos adicionais. 

Desde o Ministerio de Política Territorial e Función Pública destacan que co incremento salarial ao funcionariado quérese recoñecer o labor do persoal dos servizos e as administracións públicas, cun traballo "imprescindible" nunha situación "difícil" pola pandemia.

Emprego público

No que atinxe á Oferta de Emprego Público (OEP), o Ministerio de Política Territorial e Función Pública que dirixe Carolina Darias aprobará un total de 28.055 prazas no presente exercicio, unha cifra sensíbelmente inferior á oferta de 33.000 prazas de 2019 (a maior do últimos dez anos).

Esta diferencia explícase en parte polo feito de que na do pasado ano estaban incluídas 5.000 prazas de estabilización. Tamén hai que destacar que a OEP de 2020 inclúe 8.996 prazas de promoción interna, a maior da historia. 

Comentarios