O Goberno español recorrerá a devolución das axudas do tax-lease

Malia que as centrais sindicais non vían a vía xudicial como a mellor das opcións para evitar a devolución das subvencións, o Executivo central acordou cos gobernos dos territorios da Galiza, Asturias e Euskal Herría a presentación dun recurso perante o Tribunal da UE


O Goberno español presentará un recurso perante o Tribunal de Xustiza da UE en contra da decisión da Comisión europea que obriga a devolver as bonificacións fiscais do tax-lease.

Malia que as centrais sindicais, en representación d@s obreir@s, non consideraban a vía xudicial como a mellor das alternativas para lle parar os pés a Bruxelas, na reunión que esta segunda feira pola tarde mantiveron co ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, e na cal estiveron tamén presentes representantes dos executivos de Asturias e Galiza, adoptouse a decisión de elevar o recurso antes do 28 de setembro. Non houbo representación do goberno vasco, malia estar convocado á xuntanza. As medidas cautelares que se barallaban até daquela non se pediron finalmente. 

Soria sostén que "os argumentos son moi sólidos" e que "seguen a selo agora", termos semellantes nos que se expresou Feijóo na rolda de imprensa posterior ao último Consello da Xunta. Así as cousas, Goberno e axentes implicados empregarán os mesmos argumentos xurídicos que xa presentaron perante a Comisión europea.

As medidas cautelares que non se pediron poderían solicitarse aínda, tal e como o demandou Feijóo na devandita rolda de imprensa en que defendeu a presentación do recurso para conquerir, de paso, a suspensión cautelar do reintegro das axudas. 

Comentarios