mércores 08/12/21

O Goberno español quere reducir as pensións dos novos xubilados

Escrivá quere elevar os anos de cómputo para o cálculo das prestacións de 25 a 35 anos, o que pode chegar a representar un recorte de 5,5% na pensión a cobrar.
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, nunha recente intervención no Congreso das Deputadas (Foto: R. Rubio / Europa Press).
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá (Foto: R. Rubio / Europa Press).

O Goberno español ten por diante a difícil tarefa de reformar o actual sistema de pensións para mellorar a sua eficiencia e equidade sen aumentar o gasto. Mais no borrador que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións vai remitir a Bruxelas inclúese, segundo adiantou o xornal El País, un aumento do período de cómputo para o cálculo das prestacións de 25 a 35 anos, o que suporía un recorte medio de 5,5% nas pensións dos novos xubilados e xubiladas. 

No caso da Galiza, que presenta as segundas prestacións máis baixas do Estado español, esta modificación na fórmula de cálculo reduciría case 50 euros ao mes (47,59) o importe medio das pensións, até situar as pagas para as novas persoas beneficiarias nos 817,7 euros, fronte aos 865,29 euros de media que se cobraban en novembro.

Ao ano, estariamos a falar dunha diminución de 666,26 euros, ou o que é o mesmo, case unha paga completa.

A medida preocupa as persoas que están próximas á idade de xubilación e tamén xerou malestar nas filas de Unidas Podemos, que a consideran un "ataque inxustificado" contra as futuras pensionistas. 

Desde as filas socialistas tentaron quitar ferro ao asunto. A ministra de Economía, Nadia Calviño, afirmaba esta mesma semana que o departamento que dirixe o seu homólogo José Luis Escrivá barallaba a posibilidade de incluír unha cláusula no borrador da proposta que permitise as persoas traballadoras "excluír os anos máis negativos das súas cotizacións". 

Con todo, desde os sindicatos e a oposición cren que esta medida supón un duro golpe ás futuras persoas pensionistas e un acicate para a contratación de plans de pensións privados que complementen esa perda.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Ademais de criticar que a medida non se levase á mesa de diálogo social, consideran que existen outras alternativas para lograr o equilibrio do sistema de pensións, algunhas xa contempladas nas propostas do Pacto de Toledo, como o 'destope' das cotizacións máximas, a eliminación das desgravacións dos sistemas privados de pensións. o estabelecemento dun imposto sobre a riqueza ou a supresión dos gastos impropios asumidos pola Seguridade Social.

O Goberno español quere reducir as pensións dos novos xubilados
comentarios