Goberno español quere asimilar réxime laboral do sector público ao privado

"Imos asimilar moitos elementos (d@s funcionari@s)  ao estatuto do traballador privado", afirma Montoro, ministro de Facenda e Administracións Públicas
Cristóbal Montoro. Foto: RTVE
photo_camera Cristóbal Montoro. Foto: RTVE

Traballar máis horas e someterse cada vez máis a avaliacións permanentes. Esta é a receita que o ministro de Facenda e Administracións Públicos, Cristóbal Montoro, vén de anunciar para o funcionariado nun curso de verán na Universidade Complutense. Tras os recortes en salarios e dereitos, e após o aumento da xornada laboral do funcionariado a finais do ano pasado, o ministro sinala que o goberno de Rajoy está a estudar novas actuacións de cara, afirmou, aasimilar o rexime laboral dos empregad@s públicos co sector privado.

"Imos asimilar moitos elementos (do funcionariado) ao estatuto do traballador privado", afirmou Montoro, que se escudou en que os e as funcionarias están "na exixencia máxima, porque o soldo está pagado con impostos". Por iso, afirmou, estes traballadores e traballadoras deben estar dispostas a someterse cada vez a máis avaliacións permanentes, para ter a seguridade, remarcou, de que son as e os mellores os que están nos postos gañados por oposición.

Estar no albo

Desde o inicio da crise, o funcionariado estivo no albo de moitas das medidas e recortes dos executivos central e autonómico. Algo ao que se engaden os ruxes ruxes de novas medidas prexudiciais para estes e estras traballadoras, como que o goberno pode eliminar a paga extra.

Neste sentido, desde a CIG-Administración, Mari Carme López Santamariña sinalaba hai uns días que no ano 2010, cando se decretou o recorte salarial, as pagas extra das traballadoras e traballadores das administracións públicas xa sufriron un recorte dun 15%. E afirmaba que tocar de novo os salarios, xa reducidos nun 23% nestes anos, provocaría “un empobrecemento a pasos axigantados do persoal que neste momento traballa nas administracións”.

Comentarios