luns 18/10/21

O Goberno español quer elevar a base máxima de cotización de maneira gradual, ao longo de 30 anos

O período de cálculo adaptarase progresivamente ás novas carreiras laborais desde 2023 e o novo RETA despregarase a mediados de 2022.

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, nunha recente intervención no Congreso das Deputadas (Foto: R. Rubio / Europa Press).
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, nunha recente intervención no Congreso das Deputadas (Foto: R. Rubio / Europa Press).

O Goberno español proponse aprobar a elevación gradual da base máxima de cotización, compasada dunha adaptación á mesma da pensión máxima, antes de finalizar 2022, aínda que a súa implementación abarcará o próximas tres décadas, segundo consta no compoñente 30 do Plan de Recuperación, o referido ás reformas de pensións, remitido polo Executivo a Bruxelas.

Esta medida, especifica o documento, discutirase no marco do diálogo social, afectará a todos os traballadores e traballadoras e pensionistas do sistema, e "non se prevén impedimentos relevantes" para sacala adiante.

"A adaptación do sistema require dunha adecuación gradual das bases de cotización máxima que deberá ser concorrente cunha modificación da pensión máxima para non alterar a natureza contributiva do sistema. Que a evolución das bases máximas se acomode a unha senda moi gradual e coñecida de antemán permite ademais adaptarse aos axentes económicos adecuadamente", expón o Goberno.

En xeral, as liñas das distintas reformas previstas en materia de pensións dentro do Plan de Recuperación son xa coñecidas, pois foinas adiantando o propio ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis  Escrivá, en distintas comparecencias.

O Goberno estatal explica no Plan enviado á Comisión que as distintas reformas contempladas neste compoñente 30 non implicarán custos e investimentos con cargo ao Mecanismo de Recuperación e  Resiliencia.

No documento especifícase o calendario das devanditas reformas e debúllanse os seus principais obxectivos. As máis inmediatas, que levarán a cabo antes de finalizar este ano, consisten na revalorización das pensións co IPC; o achegamento da idade efectiva de xubilación (actualmente en 64,6 anos) á idade legal, e a separación de fontes de financiamento da Seguridade Social, descargando ao sistema de gastos que lle son impropios e trasladándoos ao Estado. Esta última medida xa se empezou a aplicar nos Orzamentos Xerais de 2021 e seguirase despregando ata 2023.

Sobre a revalorización das pensións co IPC, o Goberno recoñece que implicará un gasto importante para o sistema, que cifra en 2,5 puntos do PIB en 2050 para logo caer "de forma intensa", aínda que o considera "asumíbel" no conxunto das reformas expostas, xa que se poñerán en marcha outras medidas de contención do gasto.

En canto ao resto das reformas expostas polo Goberno español no compoñente de pensións, son varias as que se queren aprobar antes de finalizar 2022, a maioría con despregamentos progresivos no tempo.

En primeiro lugar, a adaptación do período de cálculo da pensión ás novas carreiras laborais, que se pretende aplicar de maneira progresiva a partir de 2023.

"Exponse adecuar á realidade actual das carreiras profesionais o período de cómputo para o cálculo da base reguladora da pensión de xubilación, contemplando a posibilidade de elección dos anos para integrar na base reguladora nas carreiras máis longas, xunto cunha revisión do procedemento de integración de lagoas na carreira profesional", explica o Goberno.

En segundo lugar, tamén se pretende aprobar antes de finalizar o próximo ano a substitución do factor de sustentabilidade por outro mecanismo de solidariedade interxeracional.

En concreto, prevese introducir un novo instrumento en virtude do cal os parámetros fundamentais do sistema sexan obxecto de revisión periódica no marco do Pacto de Toledo en función do equilibrio entre a poboación ocupada e a poboación pensionista e do nivel de gasto agregado.

Para o primeiro semestre de 2022 o Goberno quere ter listas outras dúas reformas: o novo sistema de cotización de autónomos en función de ingresos reais, que empezará a despregarse gradualmente a partir da segunda metade do próximo ano, e o impulso aos plans de pensións de emprego no ámbito da negociación colectiva, preferentemente sectorial.

comentarios