O Goberno español destina 92 millóns a mellorar infraestruturas de cara ao Xacobeo 2021

O Ministerio de  Industria, Comercio e Turismo fará máis dun cento de accións de promoción exterior do Xacobeo 2021 e adicará 92 millóns de euros a mellorar as infraestruturas do Camiño.
Maroto e Bugallo (Mincotur).
photo_camera Maroto e Bugallo (Mincotur).

O Goberno español empeza a dar conta dos seus apoios á celebración o vindeiro ano do Xacobeo. Após unha xuntanza en Madrid co rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, comprometeuse a realizar este ano máis dun cento de accións no exterior para a promoción do Xacobeo 2021, ás que o ministerio engade un investimento de 92 millóns de euros para acondicionar edificios e infraestruturas. 

Segundo explicou Maroto na rolda de prensa posterior á xuntanza co alcalde de Compostela, desa cantidade, 24 millóns de euros corresponderán aos traballos de mellora que se están a acometer na Catedral compostelá, mentres que o resto irán destinados a traballos de rehabilitación de edificios e melloras das infraestruturas do Camiño, entre outras cousas. 

Epicentro en Roma

A ministra asegurou que o Goberno español traballa en coordinación coa Consellería de Turismo da Xunta no desenvolvemento destas accións promocionais no estranxeiro, que terán na oficina de turismo de Roma o seu punto neurálxico.

Nesa oficina, Turespaña instalará unha pantalla interactiva cun mapa dos distintos itinerarios do Camiño. O ministerio tamén ten previsto realizar presentacións multimedia ao público final, medios de comunicación e profesionais do sector, ademais de levar a cabo accións con axentes de viaxes e "dinamizar" toda esa información nas redes sociais. Como soportes complementarios, Turespaña habilitará un sitio web, e distribuirá material escrito e vídeos de produción propia en varios idiomas.

Pola súa banda, o alcalde de Compostela celebrou a xuntanza de traballo mantida onte na sede do Ministerio coa titular de Industria, no que abordaron as accións que leva a cabo o Goberno español na promoción dos camiños, e amosouse satisfeito pola "dispoñibilidade" do Executivo español.

Comentarios