O goberno español abre a porta á renegociación de cotas que pide o cerco galego

A ministra García Tejerina asegurou que o goberno español “considerará” volver estudar os topes de especies capturadas por esta frota sempre que, dixo, haxa propostas de maior consenso.

Cerco

“O Goberno está disposto a considerar unha proposta que aglutine maior consenso no reparto para o cerco galego". Así se expresou a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina. Iso si, engadiu, “sempre que haxa unha proposta de maior consenso”. A ministra mantivo que o reparto actual fíxose co maior consenso, mais que se se pór sobre a mesa unha nova proposta con apoios está disposta a considerala. Declaracións que fixo após a súa intervención na Comisión de Agricultura e desenvolvemento rural do Parlamento europeo .

Preguntada polas reivindicacións dos mariñeiros galegos do cerco en relación aos topes e cupos de recursos como o xurelo ou a xarda, demandando un reparto liñal e non en base a criterios históricos; a ministra dixo que o que está en vigor foi feito con dados do propio sector. “Queremos que os mariñeiros teñan a maior rendabilidade para a súa actividade e está en mans do sector aceptar as novas posibilidades de capturas”, asegurou.

Bruxelas

A delegación do cerco que viaxou esta semana a Bruxelas, convidados pola deputada Lidia Senra (AGEe), para expoñer a súa problemática e demandas. Andrés García, voceiro de Acerga (Asociación de armadores do cerco de Galiza) confesou a Sermos Galiza que “estamos a atopar unha gran receptividade” os seus argumentos, se ben engade que “haberá que esperar a ver os resultados”. Recoñece que non atopa tanta receptividade na Xunta. “En Galiza non damos arreglado, por iso decidimos vir até aquí”, salientou.

Comentarios